O obradoiro de emprego Santa Isabel mellora espazos de Cospeito e Castro de Rei

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou hoxe na entrega de diplomas aos 19 participantes que completaron a súa formación no obradoiro de emprego Santa Isabel III, acto que contou tamén coa asistencia dos alcaldes dos municipios promotores: José Pardo, de Outeiro de Rei; Armando Castosa, de Cospeito, e Francisco Javier Balado, de Castro de Rei.

Balseiro explicou que a iniciativa foi posible grazas a unha achega de 280.000 euros da Consellería de Economía, Emprego e Industria, e apuntou que durante os nove meses de aprendizaxe os participantes realizaron traballos cartográficos no concello de Outeiro de Rei e melloraron diversos espazos públicos tanto en Cospeito como en Castro de Rei.

No primeiro dos concellos citados impartiuse a especialidade de Levantamentos e replanteos a cinco alumnos traballadores, que realizaron o cartografado dixital do inventario municipal de edificios, parcelas e redes de auga e saneamento.

En Castro de Rei, os sete participantes aprenderon a especialidade de Operacións auxiliares de revestimentos continuos en construción, e traballaron no acondicionamento dos locais sociais de Bendia, Val de Campos e Ramil.

Polo que respecta aos sete alumnos de Cospeito, formáronse en Montaxe e mantemento de instalacións eléctricas de baixa tensión e aplicaron os coñecementos adquiridos en varias obras de iluminación no concello: no Centro de atención á infancia, o miradoiro, centro de saúde, centro de día, centro de feiras e o de interpretación en Feira do Monte. Igualmente, instalaron nova iluminación no campanario da igrexa-ermida Nosa Señora do Monte e reformaron a instalación eléctrica na escola de Támoga.

O delegado destacou que os obradoiros ofrecen aos participantes formación e experiencia laboral, polo que supoñen unha oportunidade para reorientar a súa traxectoria profesional, e que ademais realizan importantes obras e servizos en infraestruturas e dotacións municipais.

Lembrou que xa está en marcha unha nova convocatoria de obradoiros, coa previsión de que os novos proxectos se poñan en marcha no mes de setembro. En concreto, a Consellería convocou as axudas para obradoiros duais de emprego e os específicos para menores de 30 anos.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com