O Orfeón Lucense será o próximo sábado, día 29, anfitrión da Coral de Don Benito (Badajoz), e xuntas ofrecerán un concerto ás oito e media do serán, na igrexa lucense de Santiago A Nova. A Agrupación Coral de Don Benito tivo entre os seus componentes á lucense Marta Blanco, e despois do pasamento desta, a agrupación quixo render homenaxe á súa memoria vindo cantar á capital lucense, poñéndose en contacto co Orfeón Lucense para que colaborase nesta iniciativa.
En homenaxe, pois, á falecida Marta Blanco, as dúas agrupacións ofrecerán un concerto de música coral na igrexa de A Nova, con entrada libre, ao que asistirán familiares da homenaxeada, residentes en Lugo e A Coruña.
Despois deste concerto, e para culminar a súa actuación na capital lucense, a Agrupación Coral de Don Benito cantará a misa da unha da tarde do domingo, día 30 de abril, na Catedral lucense.