O Parlamento de Galicia aprobou hoxe unha proposición non de lei, impulsada polo Grupo Popular, a través da que se insta á Xunta a reforzar a investigación no ámbito gandeiro a través do Laboratorio Interprofesional Galego de Análise do Leite (LIGAL) e do Centro de Investigacións Agrarias de Mabegondo, así como incrementar a formación aos gandeiros a través dos centros de formación e experimentación agroforestal de Sergude, Becerreá, Monforte de Lemos e Pedro Murias en Ribadeo. A iniciativa demanda, ademais, a renovación do convenio con Xenética Fontao, S.A. para o plan de mellora xenética do frisón de Galicia.
O deputado popular Daniel Vega avogou porque a Xunta “siga impulsando, traballando e dotando de orzamento para que o noso leite siga sendo de calidade”. Neste sentido, apuntou que “reforzando a investigación, incrementando a formación e renovando convenios para promocionar a nosa xenética estaremos dando na clave do éxito”.
Na súa intervención, Vega manifestou que o futuro das explotacións gandeiras galegas “pasa polo I+D+I e os derivados lácteos”, polo que indicou que “o gandeiro ten que ser empresario: producir o leite pero tamén transformar este produto, porque o futuro pasa por darlle valor engadido ao leite”.
Daniel Vega salientou o traballo que desenvolve o LIGAL no control da mamite, a brucelose e a leucose, “sen esquecer o mantemento do control da tuberculose, aínda que nestes momentos teña unha presenza mínima na nosa cabana do 0,05 por cento”.
Así mesmo, avogou por “seguir impulsando a formación que teña beneficios directos para os gandeiros”, sobre todo en materias relacionadas co uso das novas tecnoloxías no manexo das explotacións. Neste ámbito, salientou a importancia da formación para garantir o relevo xeracional nas nosas explotacións.“Hai que seguir apostando pola xenética”, indicou o deputado popular. Así, dixo que “se sumamos animais con condicións sanitarias perfectas, bo alimento, bo manexo no día a día da granxa con benestar animal e o completamos cunha boa xenética pechamos o círculo da boa xestión gandeira”.