Esta tarde ás 17.00 horas deu comezo a sesión plenaria do Parlamento Europeo en Estrasburgo, na que como segundo punto da orde do día estaba axendado un debate de revisión sobre a aplicación do denominado ‘Paquete lácteo’ -aprobado na Unión Europea tanto polo Partido Popular (PP) como polo Partido Socialista (PSOE) o 15 de febreiro do ano 2012-, que terá lugar tomando como base a proposta de resolución “Sobre as perspectivas para o sector lácteo na UE. Revisión da aplicación do ‘Paquete lácteo'”, presentado por James Nicholson, eurodeputado do Grupo Europeo dos Conservadores e Reformistas (ECR).
A eurodeputada de AGEe, Lídia Senra, intervirá no debate desta tarde para reiterar unha vez máis que “gran parte da actual crise no sector leiteiro débese precisamente á aplicación de este paquete lácteo, contemplado como un dos instrumentos de apoio para a liberalización total do sector,unha medida que non estableceu nin tan sequera medidas básicas como un prezo mínimo que cubra os custos de produción e remuneren o traballo, nin tampouco fixou mecanismos efectivos que penalicen a imposición de vender a perdas que neste momento sofren as produtoras e produtores”, lembra Senra.