Este mércores, 4 de decembro, o Parlamento de Galicia probou por unanimidade a proposición non de lei presentada polo Partido Popular a través da que piden ao Goberno central a adopción de medidas que garantan a permanencia da factoría Alcoa na Mariña lucense. Entre as peticións, o texto solicita a autorización dos parques eólicos estatais que subministrarán á factoría, a activación dunha posible intervención pública ou a presenza dos ministros de Industria e Transición Ecolóxica o día 9 de decembro na Mesa de Seguimento do pacto de viabilidade.
Como indica un comunicado emitido polo Grupo Popular, con dita proposición non de lei, defendida pola representante da formación Elena Candia, o Parlamento persegue trasladar “o apoio aos traballadores e traballadoras que, directa ou indirectamente, vénse afectados pola situación de incerteza da fábrica de alúmina e aluminio de Alcoa na Mariña lucense e amosa a súa solidariedade polas familias afectadas”.
Noutras liñas de acción, o documento recolle a necesidade da articulación dunha liña de axudas públicas e apoios extraordinarios que garantan o investimento para a modernización da planta, a modificación do Estatuto do Consumidor Electrointensivo para crear a figura das empresas hiper-electrointesivas ou a dotación de orzamento de compensación de custes polas emisións indirectas de C02 ata o máximo legal vixente na normativa europea.