O Concelleiro de Educación e Infraestruturas Urbanas, Manuel Núñez, un dos monitores do Parque Infantil de Tráfico, Jesús López, e a a Xefa de Tráfico de Lugo, Paula Yubero, presentaron esta mañá unha nova edición dos cursos de verán de educación viaria adicados ao público infantil, que terán lugar do 3 ao 28 de xullo nas instalacións do Parque Infantil de Tráfico.
Trátase duns cursos organizados pola entidade local, xunto á Dirección Xeral de Tráfico, dirixidos a uns 200 nenos e nenas entre os 8 e 14 anos, que busca que os máis pequenos adquiran condutas e comportamentos seguros, como peóns e como usuarios do transporte público e privado. Así mesmo, aprenderán hábitos correctos e seguros tanto en vías urbanas como interurbanas, situacións de tráfico reais, e a importancia da sinalización vertical e horizontal, dos semáforos e do uso do chaleco reflector, o casco ou o cinturón de seguridade, entre outros.
Núñez, López e Yubero coincidiron en chamar á participación nestas actividades polas que aposta un ano máis o Goberno de Lugo, por mor da importancia para introducir no ámbito educativo o concepto de seguridade viaria ao tempo que os máis cativos coñecen os bos hábitos na vía pública.
Incripcións
Todas as persoas interesadas poderán inscribirse do 5 ao 20 de xuño, no Parque Infantil de Tráfico ou na Xefatura Provincial de Tráfico, en horario de 09:00 a 13:30 horas. Deberán achegar a solicitude debidamente cumprimentada, a autorización familiar e unha fotocopia do DNI ou do Libro de Familia. A lista de admitidos publicarase o 28 de xuño no taboleiro de anuncios do Parque Infantil de Tráfico, na páxina web do Concello www.lugo.gal e na Xefatura de Tráfico. A inscrición é totalmente gratuíta.