O voceiro do Grupo Popular, Jaime Castiñeira, desvela que “se están a cumprir os peores pronósticos que confirman que o novo goberno local súmase ao mesmo tipo de xestión que practicaba Orozco e Liñares”. Castiñeira realizou estas declaracións logo da xunta de voceiros celebrada esta mañá e na cal “a alcaldesa avanzou que se prorrogará o contrato do guindastre á empresa que tivo a concesión nos últimos anos e que está investigada na operación Pokemon”.
O popular afirma que “é escandaloso que sabendo dende o día que se asina o contrato a data da súa finalización; sabendo que a prestación do servizo está supoñendo un déficit no contorno de medio millón de euros anuais e, tendo coñecemento desta situación, polo menos a través das reiteradas iniciativas que presentou o Partido Popular (a última o pasado 29 de setembro) resulta unha tomadura de pelo que hoxe a alcaldesa diga non hai outra saída”.
Os populares opóñense á esta prórroga e acusan ao novo goberno local de actuar con premeditación “deixaron pasar o tempo sen adoptar ningún tipo de decisión e agora, a uns días do remate do contrato, din que non hai outra saída para prestar o servizo do guindastre”.
O Partido Popular tiña claro, segundo o seu voceiro que “era viable, mentres non se readxudicaba o servizo, a súa municipalización xa que as grúas xa son propiedade do concello e hai persoal propio que podería realizar a xestión directa”. “Sabían cando acababa o contrato e puideron anticiparse” indicou o voceiro dos populares, que acusou ao Psoe de deixar pasar o tempo para volverlle conceder á mesma empresa unha prorroga.