A Deputación de Lugo manterá aberto o Pazo dos Deportes e os seus anexos adaptando as condicións de uso ás normas establecidas pola Xunta de Galicia en relación co deporte federado. A área de Deportes comunicou aos clubs e deportistas que empregan o Pazo e os pavillóns anexos as novas condicións de uso das instalacións.
Tal e como se indica na normativa establecida pola Consellería de Sanidade, que suspende as competicións deportivas a nivel autonómico, “nas instalacións e centros deportivos poderase realizar actividade deportiva de forma individual, ou colectiva cun máximo de catro persoas, sexan ou non conviventes, excluído o monitor, sen contacto físico, e sempre que non se supere o cincuenta por cento da capacidade máxima permitida. Deberanse establecer as medidas necesarias para procurar a distancia de seguridade interpersoal durante o desenvolvemento da actividade”.
O Doga tamén precisa que “en ningún caso se abrirán aos usuarios os vestiarios e zonas de duchas, podendo habilitarse, nos casos estritamente necesarios, espazos auxiliares. A ocupación máxima dos devanditos espazos será dunha persoa, salvo naqueles supostos de persoas que poidan precisar asistencia, nese caso tamén se permitirá a utilización polo seu acompañante. Deberá procederse á limpeza e desinfección dos referidos espazos inmediatamente despois de cada uso, así como á finalización da xornada”.
Segundo se establece no decreto da Xunta, que exclúe das limitacións o deporte de nivel estatal e os seus adestramentos, as limitacións aplicaranse desde as 00.00 horas do 21 de xaneiro. Como se ven facendo desde a reapertura das instalacións provinciais tras o confinamento de marzo pasado, calquera modificación nas condicións de uso dos recintos derivada de cambios normativos porase en coñecemento de clubs e deportistas, cumprindo co recollido no Protocolo de prevención e normas de utilización do Pazo dos Deportes e os seus anexos que ten como obxectivo conciliar o fomento da práctica deportiva co dereito á protección da saúde no contexto da pandemia causada polo COVID-19.