O PEMU, a reciclaxe ou a Rolda Leste centrarán o pleno municipal de mañá

O Concello de Lugo celebrará mañá o pleno ordinario deste mes de abril e os grupos municipais están a presentar  algunhas das mocións que defenderán na sesión.

Así, a voceira municipal de Cidadáns, Olga Louzao anunciou hoxe que o seu grupo proporá ao pleno un sistema de reciclaxe incentivado para reverter a tendencia do municipio nesta materia. Galicia é a terceira comunidade autónoma do Estado na que se recolleron menos cantidade de residuos per capita e Lugo é a segunda cidade galega na que menos se recicla e, polo tanto, está moi lonxe de acadar o esixido pola Unión Europea, segundo indica Louzao.

“Un sistema de reciclaxe incentivado ben planificado axudaría de xeito considerable á diminución de residuos e a cumprir cos obxectivos propostos da recollida selectiva, colaborado positivamente co sector da xestión de residuos, obtendo así unhas mellores cifras na taxa de reciclaxe e tamén unha maior limpeza de rúas e espazos públicos”, considera a concelleira que espera que o Goberno local abandono a súa habitual posición negacionista para considerar unha proposta que só persegue o ben común e a calidade medioambiental do noso municipio.

Pola súa banda, o Grupo Municipal Popular defenderá, entre outras mocións, unha iniciativa para que a alcaldesa inicie a actualización do Plan Municipal de Emerxencias (PEMU), cuxa última revisión foi o 23 de maio de 2007, polo que é máis que evidente a súa renovación dado o crecemento experimentado pola cidade nos últimos anos. Ramón Carballo lembra como hai dous anos que se aprobou unha iniciativa do PP para a renovación deste documento, pese aos votos en contra dos concelleiros do PSOE, que semellan seguir a enquistar a actualización deste plan a pesar de que é imprescindible.

“Unha proba de que este documento está obsoleto témola no mapa de equipamentos sanitarios de intervención e de seguridade onde figuran o hospital Xeral, o hospital San Xosé e o de Calde, tres dotacións sanitarias xa pechadas ou con usos diferentes. Pero outro exemplo grave é que a sede da policía local segue localizada no Vello Cárcere en vez de situala na súa nova localización en Sanfiz, como tampouco aparece a Ponte Branca sobre o río Miño”, explican os populares.

Por último, o grupo socialista, vén de anunciar que levará a Pleno una nova moción para instar á Xunta de Galicia e ao Goberno de Alberto Núñez Feijóo “a que cumpra o compromiso adquirido cos e coas lucenses para que comecen canto antes as obras da segunda fase da Rolda Leste, que unirá a estrada da Fonsagrada e a Tolda de Castela. Execución da que, a pesar dos reiterados anuncios durante 15 anos, aínda se descoñece o proxecto”.

Os socialistas lembran que a información máis recente foi un novo anuncio de Feijóo nos medios de comunicación sinalando que axiña se poría en marcha a redacción do proxecto construtivo da Rolda, “pero temos que lembrar que en decembro de 2018, en precampaña electoral para as municipais e só co fin de vender unha foto, a Xunta  comprometeuse a abrir a exposición pública o proxecto e a poñer en marcha as expropiacións oportunas co fin de poder incluír nos orzamentos de 2020 unha partida de 22 millóns de euros, que era o custo desta infraestrutura estimado entón polo executivo galego”.


Imaxe de Arquivo: Pleno de marzo

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com