O Pepe Barrera abre esta ponte aos seus primeiros partidos co Ribadeo FC

Durante esta ponte festiva terá lugar a posta de largo do remodelado campo de fútbol municipal Pepe Barrera. Debido á situación sanitaria que estamos a vivir non haberá acto de inauguración. O Ribadeo FC xogará no Pepe Barrera mañá e o domingo e algunhas categorías da SD Ribadeo farán o propio o sábado. Está permitido o acceso de público cumprindo con todas as normas sanitarias en vigor en cada momento: aforo, toma de temperatura e de datos persoais, etc… O alcalde ribadense, Fernando Suárez, subliña que o Pepe Barrera é un dos mellores campos de herba natural do país, tras a importante remodelación á que foi sometido.

O rexedor dixo que “ben é certo que a pandemia foi cambiando moitas cousas, desgraciadamente algunhas moi positivas, outras que non teñen a fin de contas tanta importancia, pero que tamén eran simbólicas como pode ser o tema das inauguracións”.

Suárez Barcia sinalou que “o campo de fútbol Pepe Barrera leva varios meses amañado, despois dunha operación profunda de rehabilitación e de arranxo con moito diñeiro público que se meteu alí, e de facto non foi inaugurado. Tampouco vai ser porque pensamos desde o goberno municipal que a mellor maneira para inauguralo é precisamente que nesta fin de semana poidan empezar a xogar as persoas, tanto do Ribadeo FC como da SD Ribadeo, rapaces xuvenís, cadetes ou os que xa son titulares do Ribadeo FC, e poidan usar o que vai ser e o que é un dos mellores campos de herba natural do noso país. Desde logo ningún outro, a día de hoxe, ten a calidade do terreo do Pepe Barrera”.

O alcalde ribadense engadiu que “despois de que nos últimos dez anos desde o goberno municipal tivéramos que sufrir todo tipo de queixas e de críticas, sempre construtivas, de que era un pataqueiral, finalmente cun montón de apoio económico da Deputación, con escaso apoio económico da Xunta e cunha parte importantísima do Concello de Ribadeo, puidemos arranxar integralmente este campo de fútbol Pepe Barrera que, nesta fin de semana, vai ser a ledicia tanto da SD Ribadeo, que vai xogar o sábado, ás once e media da mañá, os xuvenís e os cadetes, e o Ribadeo FC, que vaI xogar todos eles partidos amigables, un deles vai ser o venres ás cinco da tarde co Foz e O outro vai ser o domingo tamén ás cinco da tarde coa Residencia de Lugo”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com