O plan de roza das estradas do rural estará rematado a finais de mes

O voceiro municipal e Concelleiro de Medio Rural, Miguel Fernández, avanzou este mércores que o plan de roza das estradas do rural estará rematado a finais deste mes de setembro. Fernández deu conta desta data na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, que acordou prorrogar por 15 días o prazo de execución dos traballos, que contan con 97.200 euros de orzamento.

Até o de agora, segundo informou o voceiro, as tarefas acometéronse xa en 18 das 50 parroquias que contempla este plan de roza: Coeses, Saá, Meilán, Castro, Bocamaos, Santa Comba, Recimil, Anxos, Coeo, San Román, Esperante, Bóveda-Santalla, Vilachá de Mera, San Xoán do Campo, Fixós, Ribas de Miño, Piñeiro e Carballido. Actualmente estanse a acometer as tarefas de limpeza en Soñar, Orbazai e Santa María Alta. Destes traballos encárganse 6 tractores e 14 operarios. A brigada municipal faise cargo da limpeza viaria das 5 parroquias restantes.

No día de hoxe comezaron os traballos de desbroce en Mazoi tras rematar en Tirimol. “Estas actuacións enmárcase na aposta do Concello polo rural, para fixar poboación e mellorar a calidade de vida dos seus veciños”, sinalou Miguel Fernández, quen insistiu en que o Goberno local “defende uns servizos básicos de calidade para todos os lucenses, nos que non haxa cidadáns de primeira nin de segunda”.

Doutra banda, a Xunta de Goberno, como xa avanzou onte o voceiro municipal, aprobou a adxudicación de obras de acondicionamento de rúas do polígono do Ceao. O prazo de execución destas actuacións, que contan cun orzamento de 532.000 euros, é de tres meses. Trátase de “melloras en 9 rúas do núcleo industrial máis importante da nosa cidade, así como dunha glorieta, a súa vía de servizo e beirarrúas”, indicou Miguel Fernández.

O Concello acometerá a renovación do pavimento das rúas do Ceao “para adaptalo ás necesidades actuais do tráfico que circula diariamente polo polígono, que beneficiará a todos os que desenvolven o seu traballo neste parque empresarial”, argumentou o voceiro. Os traballos de rexeneración do firme acometeranse na rúa dos Artesáns, Canteiros, Inspección, Agricultura, Vidrio, Mercadorías, Factorías, Carros e Industrias, así como na glorieta e nas beirarrúas de Benigno Rivera e na súa vía de servizo. Estas actuacións acometeranse interferindo o mínimo na actividade empresarial da zona.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com