O Plan Ribeira Sacra terá fin antes de finais de ano

A Cidade da Cultura acolleu onte unha reunión entre os responsables de Patrimonio da Xunta e os diferentes técnicos da xestión do patrimonio local e o urbanismo dos concellos da Ribeira Sacra. A xuntanza serviu para abordar polo miúdo o réxime de protección e a casuística das autorizacións nas diferentes intervencións que se dan no conxunto deste territorio. Na mesma tratouse de aclarar con exemplos concretos o que está previsto no decreto de ben de interese cultural (BIC) da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

Ao comezo do encontro, o conselleiro saudou aos participantes e explicoulles os pasos que se están a dar de cara a lograr a inscrición desta sobranceira paisaxe cultural na Lista do Patrimonio Mundial da UNESCO. En concreto, Román Rodríguez, anticipou que o Plan de Xestión da Ribeira Sacra será presentado a partir da segunda metade do vindeiro mes de decembro “como paso previo, positivo e necesario para o éxito desta ilusionante candidatura”, subliñando a importancia da colaboración de todas as institucións e administracións participantes.

A reunión serviu para explicar e clarificar o decreto de BIC da paisaxe cultural da Ribeira Sacra, que establece un réxime de protección xeral dos bens integrantes da paisaxe cultural e outro específico para a paisaxe cultural. No apartado relativo aos bens, este responde ao réxime xeral legal xa existente, e incorpora como normativa a instrución de obras menores que axiliza as intervencións de conservación e mantemento. Tamén se regula a zona de amortecemento, especificando que actuacións de carácter territorial precisan autorización.

Na mesma interviron formalmente o conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez; a directora xeral de Patrimonio Cultural, Mª Carmen Martínez Ínsua, os coordinadores do expediente, Ana Goy e Mario Crecente, e técnicos do departamento autonómico de Patrimonio, e á mesma foron convocados as deputacións e os bispados de Lugo e Ourense, así como os técnicos municipais dos concellos incluídos no territorio do ben de interese cultural da paisaxe cultural da Ribeira Sacra.

O Plan Ribeira Sacra, explicou Román Rodríguez, céntrase na protección, a promoción e a coordinación dos investimentos para esta zona e supón unha oportunidade para a súa protección, a mellora continua e a promoción. “Será ‒aclarou o conselleiro‒ a mostra do noso compromiso na conservación e difusión desta paisaxe cultural”. No marco deste está previsto desenvolver medidas concretas, orientadas a conservar o valor universal excepcional desta territorio, e promoverase a difusión da candidatura da Ribeira Sacra como Patrimonio Mundial da Humanidade dentro e fóra da zona.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com