O Pleno acorda a creación dunha dirección xeral de Recursos Humanos para solventar os problemas de persoal

O Pleno do Concello de Lugo aprobou esta mañá a creación dunha dirección xeral de Recursos Humanos para impulsar a ordenación da situación do persoal no Concello e para avanzar na creación dunha nova Relación de Postos de Traballo que reflicta a realidade dos recursos humanos na entidade local. A proposta saíu adiante grazas aos votos a favor do PSOE, Lugonovo e Ciudadanos e contou cos votos en contra dos grupos de ACE, BNG e PP.

O voceiro do Goberno, Miguel Fernández, defendeu a creación desta figura  para “gañar eficacia e eficiencia” na xestión do persoal e sinalaba que se trata dunha medida provisional para “saír do atolladero” no que se atopa, dixo, o Concello nesta materia.

ACE BNG e PP criticaron que se recorra á creación desta figura habendo persoas no Concello que poderían asumir as funcións que terá a nova dirección xeral. O voceiro do PP, Jaime Castiñeira, engadiu que esta nova figura “vai aniquilar” as funcións da xefa de persoal, algo que, na súa opinión, “roza o mobbing”. Para o concelleiro de ACE, Carlos Portomeñe, esta medida supón “aplicar criterios da empresaprivada á administración pública”, mentres que o edil do BNG, Rubén Arroxo engadiu ademais que se trata dunha proposta “de dubidosa legalidade”.

Malia votar a favor, o concelleiro de Ciudadanos, Jesús Expósito, apuntou que esta medida é “un recoñecemento tácito da incapacidade” do Goberno local e opina que non habería que recorrer a ela se a alcaldesa ou algún concelleiro tiveran “a capacidade e a autoridade” para poñer orde no eido dos recursos humanos.

Pola súa banda, o voceiro de Lugonovo, Santiago Fernández Rocha cre que coa creación desta figura “xa non hai  excusas” para dar unha solución aos problemas de persoal.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com