O Pleno aproba as actuacións que financiará o Plan Unico que achegará aos concellos 21,5M€

O Pleno da Deputación de Lugo aprobou as propostas de actuación presentadas polos concellos para financiar con cargo ao Plan Único de Cooperación cos Concellos, así como as transferencias de crédito necesarias para adecuar os orzamentos provinciais a esas demandas. En total, o Plan Único suporá un investimento directo na provincia de 25 millóns de euros.

Os municipios priorizan os investimentos -aos que dedicarán 14,6M€ para acomete obras e subministracións-; seguido da creación de emprego, á que destinan 3,5M€ cos que crearán 300 postos de traballo; e do Servizo de Axuda no Fogar (SAF), para o que reciben 3,2M€ para atender a máis de 3.000 persoas. As entidades locais dedicarán tamén 200.000€ para medidas sociais e económicas de loita contra o impacto da pandemia.

A voceira socialista do Goberno subliñou que este é o segundo ano consecutivo no que tanto as bases como as actuacións do Plan Único saen adiante con tanta antelación e destacou que é moi importante porque “permite aos concellos planificar as accións municipais con maior antelación e traballar con máis previsión, co que aproveitan mellor os recursos”.

Engadiu que co Plan Único 2022 a Deputación axuda aos concellos “en todas as materias que son da súa competencia como o arranxo de vías municipais, creación de emprego ou o Servizo de Axuda no Fogar e que en moitas ocasión teñen dificultades para desenvolver por eles mesmos”.

A Deputada asegurou que o Plan Único, o principal instrumento de cooperación da Deputación cos concellos, amosa a capacidade de xestión da institución para poñerse ao servizo das entidades locais. “Este programa serve para dotar con fondos económicos aos concellos e darlles capacidade de actuación, xa que a maioría son pequenos e por si sós non son capaces de afrontar moitos investimentos”, explicou.

Unanimidade malia as críticas

O Plan aprobouse por unanimidade non sen críticas por parte da oposición.  O portavoz popular, Javier Castiñeira, asegurou antes da entrada na sesión plenaria que o seu grupo “demostraría os enganos do equipo de goberno con respecto ao Plan Único do 2022 e tamén a súa teoría de que co importe fixado o Plan Único devalúase e fanse moitas menos obras que nos anos anteriores”.

Castiñeira explicaba que, “no proxecto definitivo do Plan Único recóllense 275 obras proxectadas polos diferentes concellos neste ano 2022, moitos menos que os outros anos. No 2018, presentáronse 310 proxectos; 2019, 332; 2020, 3029, e 2021, 332. É dicir, que o do 2022, tras varios anos de Plan Único, é o ano que menos obras se fan”.

Con ser grave, o peor para os populares non é que se fagan menos obras e que o “goberno provincial queira devaluar o plan e o conxele, porque prefire o reparto a dedo e non o reparto obxectivo”. O portavoz popular considera “lamentable que este goberno bipartito engane así aos deputados do PP, aos alcaldes
de toda a provincia e diante de todos os veciños da provincia”.

Para Castiñeira “é moi penoso que non se recoñeza a situación dos concellos e que se intente enganar, única e exclusivamente por manter un argumento que ninguén no día de hoxe é capaz de soster”. Por elo, os populares lanzaron unha mensaxe: “Señores do bipartito: déixense de manipular e traballen máis pola provincia”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com