O Pleno do Concello de Lugo aprobou esta mañá cos votos a favor do PP e Lugonovo, o voto en contra do equipo de goberno e as abstencións de ACE, BNG e Ciudadanos unha proposición do grupo de Lugonovo para constituír unha comisión para o control político dos contratos.
Dita comisión servirá, segundo a formación, para vixiar que as licitacións levadas a cabo polo Concello se desenvolven con obxectividade, publicidade e transparencia. Lugonovo quere evitar, deste xeito, adxudicacións polémicas como a das casetas do polbo do San Froilán, o convenio para a publicación da revista dos festexos, ou a instalación das pistas de xeo o pasado nadal.
“As concesións constitúen unha parte moi importante da actividade dunha administración local e son transcendentais para as arcas dos concellos. Por iso consideramos imprescindible a constitución dun organismo que permaneza alerta de cómo o equipo de goberno xestiona esta materia”, explica o portavoz da formación, Santiago Fernández Rocha.