O Pleno da Deputación aprobou as dúas mocións que presentou o Goberno Provincial para que a Xunta de Galicia cree un Fondo de Participación que garanta que todos os Concellos reciban de xeito obxectivo e equitativo recursos da administración autonómica; e que o Goberno Central permita aos municipios lucenses reinvestir os 23 millóns de euros que teñen de superávit.
A Deputada de Economía, Mayra García Bermúdez, explicou que “dende este Goberno Provincial, defendemos que a política é o instrumento de participación cidadá na xestión do público e que as persoas que somos elixidas, de xeito directo ou indirecto, para ocupar cargos institucionais o facemos, única e exclusivamente, para representar aos cidadáns. Entendemos que a obriga dos 25 Deputados desta Corporación é defender os intereses dos lucenses na xestión dos recursos públicos desta Deputación e das restantes administracións no país. Temos a obriga de garantir que os fondos públicos de todos e cada un dos cidadáns cos que contan as institucións cheguen por igual aos veciños, vivan onde vivan, e goberne quen goberne; cuestións que algún grupo político, como demostrarei a continuación con datos oficiais e públicos, obvia”.
Neste senso, García Bermúdez apuntou que “a distribución de fondos autonómicos por parte do Partido Popular dende a Xunta de Galicia é completamente arbitraria e discriminatoria, canto menos na nosa provincia, pois só atende á cor política dos municipios”. Para facer estas declaracións, a Deputada apoiouse en documentos oficiais do Goberno galego.
A Deputada engadiu que “o que buscamos con esta moción, é esixir cambios na política de actuación do PP, comezando pola que aplican na Xunta, pois a través do Fondo de Cooperación Local só se garante, a todos os Concellos, un 1,11% do orzamento da Xunta fronte ao 23% que achega a Deputación só a través do Plan Único”.
Esta proposta saíu adiante cos votos a favor de PSOE e BNG, pois o PP votou en contra, pois segundo afirmou o seu voceiro José Antonio García, trátase dunha iniciativa, “carente de rigor e elaborada en clave partidista”. Deste xeito, os populares desvincúlanse destas mocións “sen ningún tipo de fundamento”, sobre todo, porque a fusión municipal en Galicia, matizou García, é voluntaria e, en segundo lugar, avogan por ir a un financiamento axeitado e incluída no marco da FEGAMP, dentro da unanimidade e apartando os criterios partidistas “que é xusto o que querían facer vostedes”.
“Tomámonos moi en serio as necesidades dos concellos. Todos os que estamos aquí vimos da administración local e, polo tanto, para nós, este tema si que é importante”. Por este motivo, consideran “unha frivolidade que se fale así de garantir por lei un fondo cando Galicia, dende hai máis de 20 anos, ten regulada a creación dun fondo específico; cuestión que semella descoñecer o PSOE, apartándose así tamén da FEGAMP, que é o marco para facelo, a pesares de que está presidida por un presidente socialista e hai unha fluída negociación”, afirmou.
Por outra banda, todos os Deputados aprobaron a moción do Goberno Provincial instando ao Goberno Central a permitir que os Concellos lucenses poden reinvestir os 23 millóns de euros que teñen de superávit, pois non o poden facer en base á Lei 2/2014 que aprobou o Executivo Estatal.