A Corporación Municipal aprobou este luns en Pleno Extraordinario a modificación de 22 ordenanzas para o ano 2017, 18 fiscais (taxas e impostos), 3 prezos públicos e a de administración electrónica. Entre os cambios aprobados están os xa anunciados de eximir do pago dos recibos da auga e o lixo ás persoas que reciban só unha pensión non contributiva. Tamén se aprobou eliminar os beneficios fiscais para as empresas que se instalen no polígono das Gándaras e trasladar esas axudas ás empresas que se creen na zona rural. Ademais, acordouse conxelar o Imposto de Bens e Inmobles e reducir os prezos públicos para empregar o Auditorio.
A Concelleira de Economía, Emprego e Desenvolvemento Económico, Ana Prieto, defendeu a proposta do Goberno Municipal elevada a Pleno, que dá resposta ás demandas formuladas por distintos colectivos, resultado do diálogo e do consenso do Goberno con todos os grupos, de aí que se incluíran propostas de todas e cada unha das formacións políticas que constitúen a Corporación, e baseado en dous piares, “favorecer á cidadanía con menos recursos, perseguindo unha tribuación xusta e progresiva, e garantir a estabilidade orzamentaria”. Ademais, esta proposta mellora a redacción dalgún dos textos, adecuando a proposta á normativa legal vixente como resultado de cambios normativos que veñen ocorrendo na lexislación.
Críticas da oposición
Os grupos da oposición aproveitaron as súas intervencións para criticar algunhas das políticas levadas a cabo polo Goberno local. Desde o Partido Popular solicitaron que a proposta de ordenanzas fiscais para 2017 quedase sobre a mesa xa que os socialistas “ademáis de non facer caso as consideracións dos informes técnicos, propiciarán inxustizas tributarias e desigualdades”.
O voceiro do PP no Concello, Jaime Castiñeira afirmou que o goberno de Lugo non pode escudarse en que “son novatos, estamos preto do ecuador do mandato e o traballo que fixeron é decepcionante e non está á altura do Lugo que queremos: nin reduce a presión fiscal, nin fomenta a reactivación económica e por riba xera inseguridade xurídica”.