Xornada de Pleno no Concello de Lugo, e xornada que se presentaba interesante, sobre todo porque hoxe se debatían, entre outras cousas o pago das horas extras dos funcionarios municipais, que non as cobraban dende 2017 e a busca dun novo consenso para a creación dunha nova ordenanza cívica.
No primeiro dos temas, todos os grupos tíñano craro, os traballadores tiñan que cobrar polo traballo feito, pero as formas do executivo local, e o “descontrol” na xestión e nos prezos desas horas extra, non foron as correctas e debíanse reprobar. Así, minutos antes do comezo do pleno, o voceiro do BNG, Rubén Arroxo,xa anunciaba o seu voto a esta proposta: el votaría en contra. Ao igual, que o voceiro nacionalista aseguraba que o seu grupo non podía ser partícipe dunha situación que se estaba a dar “sen ningún tipo de control”, o voceiro de ACE-EU, Carlos Portomeñe tamén rexeitaba esta proposta.
Doutra banda, atópase Lugonovo, que denunciou a falta de organización pero aseguraron que se absterían nesta votación pois consideran que, aínda que “o concello non obre ben, os traballadores deben cobrar o traballo realizado”.
A proposta foi aprobada pola abstención de Lugonovo e PP e o rexeitamento de BNG, ACE-EU e Cidadáns.
Nova Ordenanza Cívica
Noutro senso, os grupos rexeitaron a proposta dos populares de intentar chegar a un novo consenso para a creación dunha ordenanza de civismo. Antonio Ameijide censurou o cambio de opinión da alcaldesa de Lugo que deu marcha atrás na elaboración dunha normativa similar por falta de consenso. Ameijide lamentou como Lara Méndez dá as costas aos lucenses cansos de ter que someterse “á extorsión” dos gorrillas que cada día “cobran un imposto revolucionario” aos lucenses que estacionan o seu vehículo na vía pública nas inmediacións do Hula. O popular explica que a rexedora presentou un modelo de ordenanza aos grupos que forman o pleno e que, despois de recibir numerosas alegacións do Partido Popular por ser un documento “moi represor”, optou por “retiralo” ao someterse ás amezas efectuadas polo voceiro do BNG.
Neste senso, Ameijide lamenta que a rexedora “nin considerase” a posibilidade de estudar a redacción dun novo documento de convivencia, que era precisamente a proposta do Grupo Popular, ao antepoñer “o sillón e a nómina” á palabra dada aos lucenses no Observatorio pola Seguridade Cidadá. Os populares tamén viron como o pleno rexeitaba a súa proposición de instalar cámaras de seguridade nos monumentos da cidade.
Outras mocións aprobadas
No debate plenario tamén se debatiron outras mocións dos grupos. Lugonovo amosaba hai unhas horas a súa satisfacción porque esta mañá se aprobara o suplemento de crédito que amplía a contía da convocatoria para as axudas de alugueiro, unha das propostas que a formación levou ao Pleno o pasado mes de xullo. “O trámite superado esta mañá implica que, cunha boa xestión, parte das 150 solicitudes que quedaron en lista de agarda poderán ser atendidas”. Por outra banda, a formación acadou tamén a unanimidade para a súa iniciativa de
crear un protocolo municipal contra o illamento social das persoas maiores que viven soas no Concello coa fin de previr e atallar situacións de risco e falecementos en señardade.
O BNG tamén convenceu cos seus argumentos a todos os grupos que votaron a favor de crear piscinas termais públicas no entorno do Miño. “Este sería un dos proxectos que máis rédito se pode sacar do EDUSI a medio-longo prazo”, explicaba o voceiro nacionalista. O Pleno aprobou tamén a iniciativa nacionalista para impulsar a creación dunha Oficina Municipal de Asesoramento Enerxético. Trátase dunha ferramenta que permitirá á veciñanza de Lugo consultar todo o referentes a posibles erros na factura eléctrica, á mellora do aforro da súa factura da luz, sobre o bono social ou sobre as posibilidades de instalación de métodos alternativos para a produción de enerxía eléctrica ou para uso térmico. Segundo a proposta do BNG, a Oficina Municipal de Asesoramento Enerxético tería capacidade tamén para informar sobre subvencións para a instalación de outros métodos enerxéticos, como poidan ser as caldeiras de biomasa, e para explicar o aforro que poden acompañar.