O Concello de Lugo aboará case dous millóns de euros de débeda tras aprobar en pleno parte do recoñecemento extraxudicial de crédito cos votos a favor do PSOE e a abstención dos 17 membros da oposición.
Na presentación deste recoñecemento extraxudicial de crédito que se dividiu en tres lotes dos que un non se aprobou debido aos votos negativos do PP, a edil de economía Ana Prieto afirmaba que a división por lotes foi unha das solucións que o equipo de Lara Méndez sacou en claro trala Xunta de Portavoces da pasada semana.
Prieto recalcou que “todas as facturas que están pendentes de pago encóntranse debidamente conformadas, é decir, co aval dos responsables técnicos das areas correspondentes e os servizos están realizados”. Asemade, a edil asegurou que na Tesourería municipal existe crédito suficiente para facer fronte ao pago das facturas e que se non se procede ao pago das mesmas, hai que ter en conta que “se recaería nun enriquecemento inxusto da administración”.
A edil resaltou tamén, ante as dúbidas auspiciadas pola oposición, que a responsabilidade de levantar os reparos de legalidade, é cousa da alcaldía, e non recaería encima dos demáis concelleiros e apelou á responsabilidade da oposición para dar luz verde a estas facturas.
O voceiro de ACE-Esquerda Unida, Carlos Portomeñe, quen apoiou cunha abstención todos os recoñecementos que había na orde do día, resaltou que este procedemento extraordinario aparece en todos os plenos, o que considerou que “é unha mala praxis do Concello”. Portomeñe quixo lembrar os servizos sen contratos que ten o concello con empresas están baixo investigación xudicial por corrupción.
Olga Louzao, portavoz de Cidadáns, afirmou que concedían ao Concello a abstención nestas votacións, pero que será a última vez, e aludiu á responsabilidade do equipo de goberno. Asemade, a voceira pediulle ao goberno que asegure que esta situación se vai revertir. Louzao recalcou que “non só os proveedores ven afectados pola xestión do goberno, senón tamén os veciños da cidade”.
Louzao pediulle á alcaldesa que informase de cal é a súa responsabilidade, porque Cidadáns ven incrementar o periodo medio de pago o que elimina, dixo, a posibilidade de habilitar ese crédito para empregalo en outras melloras. A edil de economía asegurou tras esta intervención que “o periodo medio de pago non se poderá revertir mentras non se pague”.
Santiago Fernandez Rocha, voceiro de Lugonovo, asegurou dende un principio que votaría abstención pois, dixo, “non debemos impedir habilitar o crédito, pero sí podemos ser críticos coa mala xestión do goberno local”.
Pola súa parte, o BNG-AA e o PP coincidiron en que non estaban de acordo cos tres lotes que se presentan dado que os dous partidos solicitaban candansúa división.
Rubén Arroxo, asegurou que o goberno local non facilita a situación, xa que no lote no que se encontran as empresas Gestaqua e Cechalva, non podería estar tamén incluida a sociedade protectora de animais e prantas, xa que deberían ir en dous lotes diferentes, esta mesma apreciación fixeron outros grupos da oposición. Este lote, no que se encontran tan só as dúas empresas e a protectora e ascende a 519 mil euros, foi o único que non se aprobou, contando co veto dos populares.
Neste senso, Jaime Castiñeira asegurou que o goberno local non lle pode pedir ao seu partido que avalen a Gestagua, pola xestión da potabilizadora cando os prezos son exactamente os mesmos agora que no contrato de posta en marcha.
Tras o debate dos tres lotes, que se fixo conxunto aínda que as votacións foran por separado, quixo intervir a rexedora municipal, Lara Méndez, quen asegurou que a alcaldía asume a súa parte de responsabilidade nestas actuacións e que “nós somos os primeiros que non queremos utilizar este recoñecemento extraxudicial como algo habitual”.
Asemade, Lara asegurou que para a semana que vén convocará unha Xunta extraordinaria de portavoces “para informarlles da que situación se atopan os distintos contratos” nos que están a traballar.
Neste senso, o portavoz do PP, Jaime Castiñeira, pediu un pleno extraordinario para abordar o pago das facturas sen aprobar. O popular, que puntualiza que o goberno local podería ter levado a pleno tantos lotes como facturas”, instou a que, de cara á próxima vez que trasladen as 42 facturas pendentes para a súa aprobación, o goberno local realice unha división diferente, un lote para as facturas con reparos de legalidade con avances feitos de cara a unha nova licitación, outra para as que teñen reparos de legalidade sen pasos para unha nova adxudicación; e as de Cultura sen consignación orzamentaria”).
Castiñeira asegurou que se levan estes lotes ao un pleno extraordinario monográfico a semana que vén, os populares renunciarán á compensación económica que lles corresponda pola asistencia ao mesmo.