O Pleno da Deputación aprobou por unanimidade a proposta do Goberno Provincial para cubrir os postos de tesoureiros nos Concellos de menos de 20.000 habitantes. Deste xeito, os 25 Deputados provinciais votaron a favor da iniciativa do Executivo de instar ao Ministerio de Facenda e Función Pública a convocar as prazas suficientes de secretaría, secretaría-intervención e intervención e tesourería; que as funcións de tesourería en Concellos con menos de 5.001 habitantes poidan exercerse por funcionarios de carreira, que presten servizos na administración local, sen necesidade de habilitación nacional; establecer un réxime transitorio na aplicación do artigo 92 bis da Lei reguladora das bases de réxime local mentres non exista persoal suficiente para cubrir a este persoal; así como estudar, en colaboración coas Federacións de Municipios e Provincias, a prestación do servizo de tesourería en Concellos de menos de 20.000 habitante, atendendo a criterios de sustentabilidade financeira e xestión dos recursos públicos en clave social.
Na sesión, tamén se aprobou por unanimidade a moción do Grupo Provincial Socialista para a posta en funcionamento do Porto Seco de Monforte de Lemos. Así, chegouse ao acordo de demandar á Xunta de Galicia a execución das melloras nos accesos do Porto Seco á estrada N-120 e a dotación dos medios necesarios para o seu funcionamento a través dun operador loxístico. Tamén se aprobou instar ao Ministerio de Fomento a mellorar a liña ferroviaria de mercadorías Monforte-Ponferrada-León e Palencia; así como a execución da autovía A-76, Ponferrada-Ourense, unindo, deste xeito, estas dúas cidades a través do Barco de Valdeorras e Monforte de Lemos.
Visitas escolares á Rede Museística Provincial
O Pleno tamén aprobou con 24 votos a favor e 1 abstención, a proposta para que a Deputación de Lugo participe no financiamento das visitas dos escolares lucenses á Rede Museística Provincial. Precisamente, a Area de Cultura xa traballa no deseño dun Plan de axuda dirixida ao alumnado dos centros públicos da provincia, no que a Deputación asumirá os custos das visitas. García Porto adiantou que “os técnicos provinciais xa elaboran un censo dos museos municipais que existen na actualidade na provincia, que son dous: o Barco Museo Boniteiro Reina del Carmen, en Burela, e o Museo de Prehistoria e Arqueoloxía de Vilalba. Tamén se incluíu neste plan o Museo Comarcal da Fonsagrada”.
Instalacións deportivas no Rural
O Pleno da Deputación tamén aprobou por unanimidade a posta en funcionamento das piscinas climatizadas dos Concellos da Pastoriza e Monterroso. Rivera Capón destacou que a Deputación vai a deixar listas as piscinas este ano. “No caso da piscina de Monterroso o que fixo o Goberno foi actuar con responsabilidade. Nós non somos culpables de que unha empresa entre en concurso de acredores, pero a nosa obriga pasa por reclamar os prexuízos causados por terceiros. E neste período, parecía oportuno agardar as sentencias relativas tanto a incautación do aval por incumprimento do contratista como a reclamación das actuacións pendentes de execución. Ambas foron resoltas a favor da Deputación de Lugo”.
Unha vez coñecida a citada circunstancia en novembro do pasado ano, adxudicáronse as obras definitivas para subsanar as pequenas filtracións no vaso da piscina. Nun par de semanas darán comezo estes traballos e nos próximos meses estarán rematadas, o que permitirá a súa recepción por parte do Concello de Monterroso tal e como se establecía no convenio.
No caso da piscina da Pastoriza, a instalación deportiva atópase en boas condicións, xunto coas correspondentes autorizacións de Industria e de Sanidade. Xa dende fai meses mantense un diálogo activo co Concello da Pastoriza, e sempre no máis absoluto respecto a súa autorizacións de Industria e de Sanidade. Xa dende fai meses mantense un diálogo activo co Concello de Pastoriza para definir o modelo de xestión máis axeitado”.
Natalidade
Por outra banda o Pleno Provincial aprobou cos votos a favor do PP e en contra do Goberno da Deputación e dos Deputados do BNG, a creación dun plan provincial de fomento da natalidade co que se leven a cabo a concesión de subvencións destinadas a familias lucenses que teñan fillos ou fillas; a colaboración económica cos Concellos de menos de 20.000 habitantes para desenvolver medidas de fomento da natalidade e a creación dunha comisión para o establecemento das bases.
O voceiro do Goberno, Álvaro Santos Ramos, apostou por “crear sinerxías entre os diferentes grupos políticos e administracións públicas, co fin de buscar solucións ao problema demográfico que temos na nosa provincia, que vai máis alá da natalidade”. Santos Ramos destacou que “para impulsar os nacementos na nosa provincia, non basta cunha caixa de regalos ou cun cheque de 1.000 euros; a problemática é moito maior e vai máis aló”.