O pleno da Deputación aproba destinar máis de 10 millóns ao Plan Único

A Corporación provincial aprobou durante o Pleno ordinario celebrado este martes vía telemática, cos votos a favor dos grupos do PSdeG e o BNG e a abstención do PP, a incorporación de remanentes de tesourería ao Orzamento 2020 da Deputación de Lugo por importe de 13,6M€. Deles, máis de 10,2 destinaranse ao Plan Único co fin de que acade unha
dotación económica por un total de 21,3 millóns, e 3,3 millóns estarán dedicados a reforzar a cooperación cos concellos e co tecido asociativo da provincia “co fin de que poidan impulsar medidas que melloren o benestar social e que favorezan a reactivación económica e o emprego, algo especialmente importante no contexto de crise que vivimos provocada pola pandemia do coronavirus”, subliñou a Deputada de Economía, Recadación e Facenda, Mayra García Bermúdez.
García Bermúdez explicou que o importe total de remanentes de tesourería para gastos xerais da Deputación resultante da liquidación do exercizo económico do 2019 foi de 64,5M€, dos que xa se incorporaron ao Orzamento deste ano 47,1M€ para facer fronte a compromisos adquiridos, como por exemplo obrigas derivadas do Plan Único de anos anteriores, de convenios asinados con concellos da provincia de todas as cores políticas, da xestión dos centros de atención a maiores, ou o encargo á empresa pública Tragsa do mantemento das zonas verdes provinciais, o que permitiu garantir a continuidade de todos os postos de traballo dos empregados de SUPLUSA que realizaban estas tarefas, nas mesmas condicións laborais e salariais.

Ademais no Pleno deste martes tomou posesión, tamén vía telemática, o concelleiro barreirense José Manuel Gómez Puente como Deputado do Grupo Provincial do Partido Popular tras o cese de Elena Candia.
Ao inicio desta sesión plenaria, a Corporación gardou un minuto de silencio polas vítimas da Covid-19 e o Presidente avanzou que, en consonancia coa aprobación de 10 días de loito oficial que ten previsto aprobar hoxe o Consello de Ministros, a Deputación colocará as bandeiras a media hasta durante eses 10 días en canto se publique a resolución no BOE.

Asemade, O BNG sacou adiante no pleno provincial desta mañá unha moción de apoio ás traballadoras e traballadores da factoría de Alcoa San Cibrao e ao persoal das empresas auxiliares, afectado por Ertes tras a decisión da alumineira de suspender as tarefas de rebrascaxe das cubas de electrolise.

A iniciativa recolle as demandas que a Plataforma de empresas auxiliares -que aglutina preto dun milleiro de traballadores- trasladou a todos os grupos políticos e insta á Xunta de Galiza e ao goberno do Estado a actuaren para evitar que “continúe a perda de postos de traballo na factoría sancibrense”.

Na defensa da moción, presentada como proposta de goberno e aprobada por unanimidade, a deputada Mónica Freire manifestou “a solidariedade e apoio do BNG ao persoal que traballa na factoría”, que este martes recibía o anuncio “doutras medidas que afectan ao emprego” por parte da multinacional.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com