O Concello da Fonsagrada debaterá no vindeiro pleno o ofrecemento da Xunta para acoller na localidade a base do Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES). Así o expresaron dende o grupo municipal Popular que defenderá na sesión unha proposición para que o Concello acepte este servizo.
É por iso polo que os populares insisten na necesidade de dotar ao municipio dun Grupo de Emerxencias Supramunicipal (GES) e, polo tanto, volverán a pedir no vindeiro pleno que o goberno local acepte o ofrecemento da Xunta e acepte acoller no municipio a base do GES.
Concretamente, os populares piden a creación dun equipo de traballo, do que queren formar parte, para iniciar os trámites para a recuperación do servizo GES para o concello.
O portavoz, José Luis Regueiro, insiste en que “é necesario dotar á Fonsagrada deste servizo con persoal cualificado e material axeitado para atender as necesidades que se poidan presentar en materia de emerxencias no noso concello, cun termo municipal moi extenso”.
“Se o goberno socialista se opón a este servizo, estará cometendo un grave erro de pésimas consecuencias para os nosos veciños e veciñas”, segundo manifesta o popular que lembra: “a Xunta trata de dar aos veciños da Fonsagrada un servizo do que carecemos ata o de agora e a custe cero para o Concello”.
O popular lembra que A Fonsagrada xa contaba con este servizo que “o goberno local do PSOE non parou ata desmantelar deixando desprotexidos aos veciños da zona en materia de emerxencias”.