O pleno di si aos Orzamentos con máis de 106M€ presupostados para o ano 2022

O Concello de Lugo disporá en 2022 dun orzamento de 106’8 millóns de euros co que o Goberno local pretende consolidar “a senda da dinamización económica iniciada o pasado exercicio”, pero tamén manter o escudo social que “a Administración local teceu en 2020 para fracer fronte á pandemia”.

Así, o Pleno da Corporación aprobaba hoxe, cos votos en contra da oposición, o presuposto do próximo ano no que teñen cabida partidas, por un importe superior aos 30 millóns de euros, para sufragar políticas sociais.

A tenente de alcaldesa e edil de Gobernanza subliñou, durante a súa exposición, que “un ano máis deseñamos un proxecto expansivo e solidario,  consciente da situación sanitaria que aínda atravesamos, que inclúe actuacións valentes, que nos posicionan como cidade de futuro, pero tamén e, sobre todo, especialmente rigorosas nas que ímos apoiar a nosa capacidade de acción para superar a crise que vivimos”.

“Nun escenario aínda incerto, pola deriva que poida tomar a Covid, estes orzamentos están baseados na planificación rigorosa dos gastos e ingresos, dos que agardamos un bo comportamento en materia de recadación pero tamén do crecemento, estimado nun 31’1%, das achegas procedentes do Estado a través da participación nos seus tributos, pasando dos 17’5 millóns actuais aos 23 millóns”, sinalou a concelleira.

A edil de Gobernanza aludiu precisamente aos fondos europeos Next Generation como “auténtico revulsivo” para a dinamización do municipio que xunto aos efectos positivos da iniciativa Lugo Transforma, servirán para propiciar o cambio económico que, dixo, precisa a cidade e darlle pulo á súa reindustrialización, de maneira que, en 2022, “o capítulo de investimentos públicos, que inicialmente recolle 11’1 millóns, poderá alcanzar os 20 millóns coa incorporación destas subvencións logo do seu outorgamento”.

“En definitiva – apuntou Alvarellos Fondo – case 107 millóns que dotarán ao concello dunha maior fortaleza. Vigor que se sustenta na calidade dos servizos e nunha mellor atención á cidadanía porque é o benestar das persoas, especialmente as máis vulnerables, o que ocupa o centro das nosas prioridades”.

Neste senso, a edil destacou que ao redor de 30 millons € se destinarán a políticas sociais e asistenciais, especialmente dirixidas ás familias e á infancia, á emerxencia social, á atención ás  e aos maiores e dependentes, á exclusión social, etc. En relación ao Servizo de Igualdade e á Casa da Muller, o desenvolvemento do IV Plan de Igualdade e a prevención á violencia machista son os retos máis destacables, e contarán con 808.070 euros.

A mocidade terá tamén un papel fundamental na área de Xuventude que contará cun orzamento de preto dun millón de euros para impulsar programas de lecer, formación e empregabilidade, e para a posta en marcha do Consello da Mocidade, mentres que para a promoción do deporte e da vida saudable se reservan 3’3 millóns de euros.

“Tamén neste 2022 mantemos o noso compromiso de colaboración cos empresarios, emprendedores e autónomos, para que no próximo exercicio, poidamos poñer en marcha distintas accións que axuden á diversificación económica dos diferentes sectores produtivos. Un fin ao que destinaremos preto de 4’6 millóns de euros e que inclúe iniciativas como a estratexia de dinamización do comercio local en todos os barrios da capital ou os obradoiros de formación”, indicou.

Antes de rematar a súa exposición, a concelleira de Gobernanza fixo fincapé no modelo de cidade sostible, dentro da segunda Gran Transformación que está a experimentar Lugo, na que teñen un protagonismo especial os servizos e gastos correntes.

A edil lembrou que será ao novo servizo de limpeza e recollida de residuos ao que se destinarán máis recursos, cun orzamento de 13.800.889 euros anuais, así como para sufragar o contrato de conservación e mantemento das zonas verdes e arboredo, que duplicará o seu importe actual.

Tanto a responsable da área económica como a alcaldesa que concluíu a sesión, destacaron a importancia do Pleno celebrado esta tarde.

“Vimos de validar uns orzamentos cos que pretendemos que ninguén se quede atrás. Uns orzamentos nos que, xa non é unha novidade, a oposición nos amosa unha vez máis que non está disposta a contribuír ao reto que se nos aveciña: que Lugo se dinamice, creza e saia reforzado dunha etapa tan crucial como esta que esixe de altura de miras, de anticipación, dun proxecto de cidade que xa se empeza a visualizar como realidade e tamén do firme compromiso que temos neste Executivo para defendelo e poñelo en marcha, priorizando o interese xeral”, concluíu a rexedora.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com