Xornada de Pleno no Concello de Lugo, e xornada de desencontros entre as distintas forzas políticas. ASí, tras finalizar a sesión o Partido Popular acusou duramente á alcaldesa Lara Méndez e ao vicealcalde, Rubén Arroxo de falta de valentía amosada polos seus partidos ao votar en contra da creación dunha comisión de investigación sobre a Fábrica da Luz. Para os populares, o voto en contra das dúas formacións do Goberno local só ten un significado: que hai moito que ocultar na súa xestión. Carballo tamén criticou que o Bloque Nacionalista Galego asuma, nesta cuestión, un papel de cómplice necesario e avale co seu voto que sexa o Concello o que pague a indemnización de 2,4 M€ en lugar dos políticos responsables na concesión.
Pola súa banda, dende o equipo de Goberno, o edil Alvaro Santos respondía á proposición popular asegurando que “o Goberno abrirá un expediente de delimitación da responsabilidade”, seguindo a tramitación que corresponde segundo o previsto no regulamento. Asemade, Santos engadiu que “a postura do equipo de Goberno é dar valor e respaldar ao traballo dos funcionarios” que están a incoar o expediente.
Outras mocións dos populares que se botaron atrás foi a mellora da xestión da facturación da auga potable e a proposta para que Lugo presente a súa candidatura á capital española da gastronomía para 2022.
Para os populares, nesta última moción, “o bigoberno pon pretextos absurdos para votar en contra de presentar a candidatura”, pois co rexeitamento desta proposición, que conta co aval de máis de medio cento de entidades lucenses “estanlle dando a espalda á sociedade lucense”. “Os únicos que rompen a unanimidade son os concelleiros socialistas e nacionalistas de Lugo nunha iniciativa que confirman lles parece positiva”, explicou o voceiro da agrupación popular, Ramón Carballo. O voceiro popular insta á alcaldesa e ao seu vicealcalde a que
“si están tan convencidos do positiva que é a proposición que a leven a cabo e que se deixen de excusas nada cribles”.