O Grupo Provincial Popular defendeu no pleno da Deputación, celebrado este martes, que se lle reclamara ao Goberno do Estado abonar de xeito inmediato a totalidade dos fondos que corresponden á Comunidade Autónoma de Galicia en cumprimento dos sistema de financiamento autonómico e que aínda retén, ao obxecto de poder destinar parte destes recursos á mellora das dotacións tecnolóxicas dos hospitais públicos galegos, sempre que os servizos técnicos sanitarios os consideren axeitados.
Así o reclamaron cunha enmenda en relación á moción dos socialistas para a implantación de técnicas robotizadas ‘Da Vinci’ no Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA) porque “este servizo require un custe importante”. Con todo, dende o Grupo Provincial do PP sinalaron o seu apoio ás melloras que se podan dar na provincia no ámbito sanitario e recordaron que “o Sergas está en negociacións co fabricante para instalar esta eficaz plataforma robótica nos diferentes hospitais públicos galegos”. Polo tanto, sinalaron os populares que “co diñeiro que debe o Goberno central, probablemente non estariamos a falar da necesidade da súa implantación, senón dun feito”. “É dicir, poñen deberes á Xunta cando o moroso é o Goberno do PSOE”, culpou Taboada.
O deputado popular Pablo Taboada defendeu que “o ámbito sanitario galego se atopa na vangarda dende os últimos dez anos de goberno de Feijóo durante os que os investimentos foron moi importantes para a nosa provincia permitindo poñer en marcha o HULA e dotalo de servizos e importantes melloras como é o caso da instauración da técnica da laparoscopia en substitución da cirurxía aberta tradicional realizada a través de grandes incisións. Foi unha gran aposta da consellería de Sanidade”, incidiu, “como técnica para a cirurxía abdominal nos centros hospitalarios do sistema sanitario galego” para o que levou a cabo un “importante esforzo de medios e formación que precisan, polo tanto, de dotación orzamentaria”.
“Varias comunidades autónomas teñen xa implantada esta técnica, pero outras moitas aínda non contan con ningún robot instalado a día de hoxe sendo o caso de comunidades gobernadas polo PSOE –Aragón, Estremadura, Castela A Mancha, Asturias, Baleares ou Canarias-“, fixeron constar os populares.
Finalmente, Taboada insistiu en que “o Goberno do Estado pague o que debe a tódolos galegos e galegas, e non ao Partido Popular”, para facilitar que “estas técnicas das que estamos a falar poidan ser acometidas en breve”. De feito, defenderon “a sensibilidade da Xunta con esta técnica ao abordala nas XXII Xornadas Cirúrxicas da Sociedade Galega de Uroloxía que se celebraban fai un mes no Hospital Comarcal de Monforte e onde se amosou, por primeira vez na nosa provincia, o robot Da Vinci en intervencións relacionadas co aparato urinario”. Nas conclusións finais destas xornadas a consellería avanzou as negociacións do Sergas co fabricante para a súa implantación en Galicia.
A moción dos socialistas saiu aprobada con 13 votos a favor fronte os 12 en contra do PP.