O Polo Aeroespacial de Galicia no Xponential 2023 de Denver

O Polo Aeroespacial de Galicia estará presente do 9 ao 11 de maio en Xponential 2023, un dos eventos internacionais de referencia na industria dos vehículos e sistemas aéreos non tripulados que se celebra no Colorado Convention Center, en Denver, Estados Unidos. Contará con espazo propio no pavillón de España, xunto co Consorcio Aeronáutico Gallego, así como con empresas e centros de coñecemento do ecosistema como Sixtema, Centum Research & Technology, Marine Instruments, Lupeon, Sense Aeronautics (spinoff de Gradiant) ou o Instituto Tecnolóxico de Galicia.

A participación do Polo Aeroespacial de Galicia neste evento enmárcase na estratexia  de internacionalización da iniciativa, que ten por obxecto fomentar a participación das empresas galegas nas principais feiras do sector para explorar oportunidades de negocio en países con interese na compra de produtos, tecnoloxías e solucións desenvolvidas na Civil UAVs Initiative ou por outras empresas do eido aeronáutico e aeroespacial en Galicia; e fomentar así a internacionalización do sector, fundamentalmente das pemes, e a venda das tecnoloxías desenvolvidas.

Ademais de visitar stands de empresas e países de todo o mundo e de coñecer as últimas innovacións tecnolóxicas neste eido, a delegación galega foi convidada a realizar unha visita ás instalacións de Boeing, socio estratéxico da Xunta no Polo Aeroespacial de Galicia.

Xponential en cifras

A feira Xponential 2023 é un evento líder ao servizo da última tecnoloxía para o vehículo autónomo e os sistemas non tripulados aéreos, mariños e terrestres, e para todos os seus ámbitos de aplicación. Esta gran cita sectorial está organizada pola Asociación Internacional de Sistemas Non Tripulados (AUVSI) e conta coa participación de 60 países. Na súa última edición en 2022, que tivo un formato híbrido, contou coa presenza de 520 expositores de 60 países, 7.000 visitantes e 8.200 metros cadrados de exposición. O Polo Aeroespacial de Galicia xa estivo presente na edición 2019 de Xponential, en Chicago.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com