A directora da Axencia Galega de Innovación (GAIN), Patricia Argerey, sinalou hoxe nun Demoday sobre o polo tecnólóxico e industrial de Rozas que esta iniciativa está a xerar xa preto de 120 empregos altamente cualificados tanto en Indra e Babcock como nas 15 pemes e centros tecnolóxicos subcontratados ata a data na fase A ou fase de I+D+i da Civil UAVs Initiative.
Argerey, que subliñou que o obxectivo desta fase do proxecto é atopar solucións que contribuirán de xeito crucial a situar Galicia como referente internacional nos usos civís avanzados dos vehículos non tripulados, apuntou que os compromisos adquiridos polos socios tecnolóxicos Indra e Babcock con empresas galegas e centros de coñecemento están xerando xa máis de 12 millóns de euros en contratacións. Neste sentido, sinalou que os resultados do traballo de innovación liderado polas dúas multinacionais teñen un piar de valor indiscutible nas empresas e centros subcontratados.
Polo momento son 15 axentes (7 centros tecnolóxicos e de investigación e 8 pemes galegas) os que están a participar no desenvolvemento deste programa de I+D, cifra que se duplicará ata chegar á trintena. En total, esta fase da iniciativa está a mobilizar 115 millóns de euros, que sumados aos 10 investidos no Centro de Investigación Aerotransportada de Rozas (CIAR) e os 24 millóns de euros do convenio co Ministerio de Economía, Industria e Competitividade para o desenvolvemento de proxectos de Compra Pública Innovadora (tamén coñecida como fase B), acadan os 150 millóns de euros.
A directora da Axencia Galega de Innovación, Patricia Argerey, apuntou que co polo tecnolóxico e industrial de Rozas a Xunta busca desenvolver un novo sector económico de alto valor engadido en Galicia, e a diversificación do tecido industrial galego e a transferencia de coñecemento. Tamén, sinalou, contribúe á mellora significativa na prestación de servizos públicos mediante solucións avanzadas, e, en definitiva, o incremento do benestar, da competitividade e do crecemento económico con base na innovación.