A voceira do Grupo do Partido Popular na Deputación de Lugo, Elena Candia, fixo público está maña en rolda de prensa o rexistro por parte do seu grupo, dunha nova queixa ante o Valedor do Pobo, motivada segundo as súas palabras, polos continuos obstáculos interpostos polo goberno bipartito que preside José Ramón Gomez Besteiro, na concesión do acceso ás solicitudes de información do PP.
Candia declarou:“o noso grupo ten pendente de ver preto de 200 solicitudes cando quedan 80 días para o remate da lexislatura, o que deixa claro que a Deputación non atenderá ás nosas peticións”. “Evidénciase que os socialistas e nacionalistas están a dificultar, dun xeito deliberado e consciente, o acceso á información, documentación e instrumentos necesarios para os deputados da oposición”
A voceira do GPP lembra que o Valedor do Pobo xa lle suxeriu á Deputación que mellorara a súa práctica no terreo da transparencia tras outra queixa presentada polos populares.
Escoitámola:
Pola súa banda, o voceiro provincial socialista, Manuel Martínez, explicou que no 2014 a institución facilitou ao PP “todos e cada un dos días laborables do ano, todos, acceso a información, e neste 2015 seguimos nesa mesma liña. É imposible ofrecer máis, sen que iso supoña colapsar o funcionamento da Administración”.
O grupo popular pide “tal cantidade de papeis, todos os decretos, todos os acordos e todas as facturas, unha por unha, dende as referidas á compra de folios ata as da conservación da rede viaria provincial, que é inviable ofrecer a información con máis axilidade”, asegurou Martínez.
O voceiro socialista afirmou que “co Partido Popular, esta institución foi declarada oficialmente polo Valedor do Pobo como hostil e entorpecedora. Hoxe somos a sexta Deputación máis transparente de toda España. E non o dicimos nós, certifícao unha organización con prestixio recoñecido como Transparencia Internacional”.