O Grupo Popular no Concello de Lugo acusou hoxe á alcaldesa de “faltar á palabra dada” xa que pese a que se comprometeu, durante o confinamento de marzo “a manter as condicións de contratos e posicionouse en contra dos despidos de empresas que xestionan servizos municipais, segundo denunciaban os populares, o goberno local vén de despedir a oito traballadores que prestaban o seu servizo nos centros de día que hai en varias escolas rurais de 7 parroquias do municipio. O concelleiro popular Manuel López desvelou que a alcaldesa non renovou o contrato deste servizo polo que a consecuencia directa desta decisión, ademáis do despido dos traballadores, é, din o popular, que os veciños se quedan sen unha alternativa de ocio saudable.
Para López esta determinación do bigoberno proba a súa política discriminatoria co rural do municipio xa que “se priva aos veciños e veciñas destas parroquias dun servizo dinamizador e que supoñía un punto de encontro e un espazo no que se levaban a cabo actividades encamiñadas ao desenvolvemento da zona rural”.
Manuel López lembra que este contrato dos centros de dinamización de 7 parroquias se formalizou no ao 2018 por un importe de 76.987,67€
cunha duración máxima de 5 anos e posibilidade de prórroga anual. “Fíxose a renovación no ano 2019 pero cando tocaba facer a renovación
para os últimos meses de 2020 e 2021 zanxaron o contrato”.
Os populares tamén pedirán explicacións sobre a situación na que estiveron os tralladores do servizo dado que o contrato finalizou o 31 de agosto e os despidos non se fixeron efectivos ata este mesmo luns salientando que os contratados eran persoas con dificultades de inserción no mercado laboral”. O concelleiro popular asegurou que este é un novo agravio do bigoberno coa zona rural reflexionando “como é posible que nun orzamento de 100 M€ non haxa 70.000 € para este servizo? É eso o que vale para eles a zona rural?”.