O PP acusa a Tomé de faltar ao respecto no pleno provincial ao presidente da Xunta e ás vítimas da covid

O Partido Popular na Deputación denunciou este mediodía a “teima inxustificable” do Goberno provincial  de votar “sistematicamente” en contra das propostas do grupo do PP, “por máis interesantes que sexan para os lucenses”.

Así o dixeron logo de que na sesión celebrada hoxe “se puxo de manifesto a propensión que ten a bancada da esquerda a tensar os plenos cos acusacións e descualificacións dos deputados do PP e mesmo con falta de respecto ás vítimas da covid e ao presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo”.

Segundo advertiu o portavoz popular, Javier Castiñeira, o seu grupo bota en falta cordialidade por parte do presidente do Executivo. “Xa non pedimos cordialidade por parte da bancada da esquerda, que o que fai en innumerables ocasións é insultar e mandar recados que non son propios dunha institución como esta. Pero cremos que é grave que o presidente provincial, no día de hoxe, fora capaz de faltarlles as máis de 2.750 vítimas da covid que ten Galicia neste momento, cando indicou que o presidente Feijóo ben deitou da pandemia para gañar as eleccións, nun arranque que non é digno do presidente dunha institución”.

Castiñeira considera estas declaracións do presidente unha falta de respecto ao propio presidente da Xunta ao mesmo tempo que tildou estes feitos de falta de respecto institucional pero, “especialmente, ás vítimas da covid e as persoas que viven neste momento unha situación delicada por culpa da pandemia”.

Por outro lado, o portavoz popular denunciou que “unha vez máis” o Goberno provincial aplicou “o rodillo” contra as mocións presentadas polos populares. Neste caso, facía referencia a unha proposta para pedir máis apoio da Deputación para o sector pesqueiro na provincia de Lugo, para a nosa frota, en definitiva. E outra, centrada en Foz, na que pedían financiamento da Deputación para a construción dunha senda peonil entre a basílica de San Martiño e o castro das Engrobias, contra a que tamén votaron socialistas e nacionalistas.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com