O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ramón Carballo, desvelou esta mañá que, segundo unha reclamación cidadá, a administración local podería ser a responsable da orde de expulsión dunha persoa do país, despois de que o bigoberno non emitira en prazo un informe de arraigo social (tiñan 3 meses para efectualo) que é preceptivo en todos os casos de solicitude de residencia, motivo polo cal rexeitaron esta petición.
Ramón Carballo explica que os populares tiveron coñecemento deste caso a través da denuncia efectuada pola persoa afectada e cualificou esta situación “como un exemplo intolerable das consecuencias que ten a inacción neglixente das concelleiras encargadas da área de cohesión social chegando ao punto de permitir á expulsión dunha persoa fóra do país que solicitara, en tempo e forma, o informe municipal para regularizar a súa situación”. “Se estas son as políticas que segue un goberno que se autoproclama progresista, non queremos imaxinar como serán os seguintes anos”, afirmou.
O voceiro popular explicou o caso con detalle. Segundo relata, o 24 de xullo deste ano a persoa afectada solicita o informe de inserción social, a través do Rexistro do Concello de Lugo, para xuntalo á solicitude de Residencia. O 6 de agosto, os servizos sociais solicitan a documentación precisa para completar a solicitude, que foi atendida e completada o 13 de agosto. Pero non é ata mes e medio despois, o 30 de setembro, que ten lugar a entrevista entre a persoa solicitante e os servizos sociais, que se complementa cunha visita ao domicilio da persoa solicitante o 11 de outubro.
O 23 de outubro (un día antes de cumprirse o prazo legalmente establecido para a emisión do informe) a oficina de estranxeiría pide á persoa solicitante do permiso de residencia o informe de arraigo social que ten que emitir o Concello de Lugo, outorgando un prazo de 10 días para completar este trámite. Xa no mesmo día de recibir ese requirimento, a persoa interesada tenta coñecer o estado no que se atopa o informe (realiza unha tentativa vía telefónica e outras dúas de xeito presencial no Uxío Novoneira) e non obtén resposta algunha.
Ante esta situación, o 29 de outubro comunica á oficina de estranxeiría que o Concello de Lugo aínda non emitiu o informe e que non obtén resposta algunha para coñecer en que situación se atopa a súa elaboración, situación que remata que en o 7 de novembro a oficina de estranxeiría en Lugo lle comunica que se denega o permiso de residencia solicitado por non xuntar o informe de arraigo social, que é o documento que acredita ter vínculos familiares con outros estranxeiros residentes, o que acredita a súa integración social.
Á vista dos feitos denunciados na Comisión de Suxestións os populares piden explicacións ao bigoberno para que aclare os motivos polos que non se fixo, en tempo e forma, o informe que se requería para regularizar a situación desta persoa e que non quedase sen papeis. “Somos conscientes de que faltan medios e que os Servizos Sociais están desbordaos pola cantidade de casos e a crecente burocracia, pero eso non é disculpa para esquecer trámites fundamentais como é a regularización dun permiso de residencia”.
Carballo achaca esta situación a unha falta de dirección política “non se prioriza un traballo que é urxente” insistindo en que “é imperdoable o sucedido” e esixiulle ao goberno que “se persoe ante a administración competente para tratar de revertir e dar solución a esta petición”.