O PP acusa ao BNG de fraccionar contratos da Cabalgata de Reis para dárllelos a empresas afíns

Tras as denuncias meses atrás dun significativo aumento do gasto dedicado ás festas patronais da cidade de Lugo, cando por mor da pandemia as actividades realizadas foron máis limitadas e escasas que noutros anos. Hoxe o Partido Popular denuncia de novo o que tildan como “un chanchullo” do BNG na contratación da Cabalgata de Reis. Segundo explican os populares as empresas que se fixeron cargo desta actividade eran de fóra de Lugo e non se dedican, algunhas delas, a actividades de ocio. 

“Estamos diante dun caso de fraccionamento de contratos nos que figuran dúas firmas, unha de Lalín (Xescultura) e outra de Cerceda (Urdime), que a persar de ser diferentes teñen conexións entre elas”. O caso que o voceiro e vicevoceiro popular, Ramón Carballo e Antonio Ameijide, denunciaron esta mañá é, nas súas palabras, “un máis da política caciquil coa que o BNG, coa complicidade da alcaldesa socialista de Lugo, xestionan este departamento”, manifestaba.

“O BNG intentou colar unha proposta para contratar, dunha atacada, por un prezo de 59.919,20€ unha montaxe titulada Fabricando Soños a Xescultura. A concelleira de Cultura, Maite Ferreiro e o seu asesor, logo de que se lles advertise, por parte de varios servizos municpais, de que esta operación incumpría a lei de contratos e que se informaría de forma desfavorable cambian de estratexia e deciden fraccionar en sete contratos para empresas afíns, de fóra de Lugo que, nalgúns casos, non se dedican a estas actividades, chegando a un importe total os 61.695€”, denuncian.

Os populares explican que outra das consecuencias deste caso de “caciquismo cultural do concello de Lugo” foi que montaron as carpas da Horta do Seminario e Augas Férreas coa previsión do primeiro contrato no que as actividades arrancaban o 2 de xaneiro. Como houbo un cambio de plans da proposta inicial con Xescultura quedaron as carpas montadas baleiras de contidos. “Foi un derroche de cartos xa que pagamos o aluguer, seguridade e limpeza por ter máis dunha semana as carpas instaladas cando só se lles deu uso durante unhas horas”. Os populares lembraron que o espectáculo de Reis unicamente se desenvolveu o día 5
xaneiro, á mañá na praza da Horta e á tarde en Augas Férreas.

“Son incapaces de atopar defectos á Cabalgata e inventan contos”

A concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, Maite Ferreiro, saíu ao paso das declaracións do Partido Popular indicando que “dende a área de Cultura buscamos programar a cultura na cidade de maneira que se garantan contidos variados, pensados para toda a veciñanza de Lugo”. Segundo Maite Ferreiro, “no Partido Popular, véndose incapaces de atopar defectos á cabalgata, que cumpriu con todas as restricións sanitarias, e que supuxo un gran esforzo organizativo para o persoal da área de Cultura”. Ferreiro afirmou que “con estas acusacións, desde o Partido Popular non fan máis que demostrar o seu descoñecemento sobre como funciona o sector cultural”, e criticou “a actitude electoralista que manteñen coa xestión cultural que realizamos desde o BNG, en vez de mostrar unha actitude de apoio a un sector que tivo que reinventar a súa maneira de traballar debido á crise sanitaria, e do cal viven centos de familias lucenses”. “Todas as contratacións realizadas polo concello de Lugo, e en concreto pola área de Cultura, seguen a máis estrita legalidade e pasan polos procesos de fiscalización pertinentes marcados pola lexislación vixente”, sentenciou Maite Ferreiro.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com