O voceiro do PP no Concello de Lugo, Ramón Carballo, lamentou esta mañá que o bigoberno rexeitase analizar a vintena de propostas que o Grupo Popular presentou para mellorar as ordenanzas fiscais que se aplicarán no vindeiro 2020. “Coa súa actitude queda claro que o bigoberno de Lugo non ten unha vontade real de rebaixar a presión fiscal, impulsar o emprego e favorecer a recuperación do patrimonio” resumía.
Trala reunión que tivo lugar esta mañá da Mesa de Ordenanzas o voceiro popular manifestou a súa “decepción pola falta de vontade dos socialistas para consensuar as modificacións das taxas e prezos públicos que se aplicarán no vindeiro exercicio”. “A concelleira de economía, coa complicidade do BNG, fixo unha única reunión ás presas para xustificar o que ían a aprobar en xunta de goberno xusto a continuación” criticando “que nin tan sequera puidemos acceder á documentación para analizala antes da xuntanza”.
Para Carballo esta forma de traballar confirma que estamos diante dun goberno que traballa a golpe de imposición, que fuxe da política dos consensos e do diálogo real”. “Nin tan sequera se esforzaron en aceptar un mínimo das nosas achegas malia que recoñeceron que moitas delas eran positivas” concluíu.