O grupo provincial do PP mantén contacto directo con moitos dos clubs deportivos lucenses. E, facéndose eco dos seus problemas, denunciou hoxe o que tildou de “mala xestión” que está a facer o delegado de Deportes provincial dos protocolos para o uso das instalacións, concretamente do Pazo dos Deportes o dos seus anexos”. O portavoz popular, Javier Castiñeira, explicaba así as numerosas queixas dos clube sque ven, di, como as normas da Deputación duplican as restricións establecidas pola Xunta e as Federacións.
Castiñeira sinala: “A queixa é que a Deputación aínda duplica esas restricións, ata chegar ao punto surrealista de que as pistas de squash só poden ser utilizadas por unha persoa, cando se sabe que este deporte se xoga entre dous; é dicir, non se pode adestrar en condicións normais. Isto mesmo pasa coas diferentes pistas tanto nos anexos como no propio Pazo; un exceso de celo que está coartando a actividade, xa non a normal por causa da covid, senón que prexudica dobremente aos clubs lucenses”.
Para o portavoz portavoz popular, “o máis grave non é o exceso de celo; o grave é que no goberno provincial non se escoitan as queixas, os problemas dos clubs deportivos”. Castiñeira sinala: “Hai representantes de clubs que queren falar co delegado de Deportes e non o conseguen. Expresaron a súa queixa tamén á presidencia e tampouco foron atendidos. O trato que dá este goberno bipartito ao deporte lucense resúmese así: máis restricións, máis impedimentos e poucas facilidades para superar un momento tan complexo para o deporte como é este. A Deputación de Lugo, nun exceso de celo, está poñendo máis trabas das que xa teñen a todos os clubs lucenses no uso de instalacións provinciais como son o Pazo dos Deportes e os seus anexos”.