O PP afirma que a senteza do Garañón “é un varapau ao PSOE” e ACE-EU que é unha vitoria da cidadanía

O voceiro do Grupo Popular Jaime Castiñeira interpreta a sentenza do TSXG como “un varapau ao urbanismo á carta que vén practicando o PSOE”. Jaime Castiñeira refírese á anulación do PERI de 2005 dos terreos situados nas costas do Parque  das polémicas torres puntualizando que esta resolución xudicial “avala as teses que o PP mantivo, dende o primeiro momento, cando denunciou por inxusto, imprudente e prexudicial para os intereses xerais o convenio cociñado por Besteiro e asinado por Orozco co promotor ”

Castiñeira tamén manifestou o seu temor de que “a alcaldesa se someta ás directrices do promotor” aludindo “ás negociacións unilaterais que mantivo co particular dándolle todas as facilidades” mentres que, pola contra, rexeitan consensuar unha solución co resto dos grupos políticos da corporación. O voceiro popular recordoulle a Lara Méndez que aínda non respondeu á petición que lle presentaron este luns todos os grupos da oposición para reunir a Comisión do Garañón “este órgano de traballo que anteriormente pediu o PP, en xullo de 2015, e que reiteramos con outra proposición en pleno, en xaneiro de 2017”.

Pola súa banda O voceiro do grupo municipal Alternativa Cidadá de Esquerdas- Esquerda Unida compareceu esta mañá en rolda de prensa para valorar tamén a sentenza e na mesma declarou que as licenzas xa foran declaradas ilegais polo mesmo Tribunal. “Esta sentenza non só anula o PERI do Garañón por ser contrario a dereito, senón convirte o convenio do promotor en anulable, xa que establece que non existe xustificación para que o Concello de Lugo renunciase ao aproveitamento urbanístico da porcentaxe que lle corresponde por Lei, poñendo directamente en interdito que o devandito convenio respondese a un “razoable equilibrio das diversas facetas de interese público afectadas”. Falando claro, “recoñécese xudicialmente que estamos ante un convenio lesivo para o interese xeral que só beneficiaba o interese xeral do promotor e xa non hai escusa algunha da que botar man para non devolver ese terreo ao seu estado previo”. E sen dúbida “unha vitoria histórica da cidadanía que leva 11 anos loitando para defender o Parque Rosalía de Castro e o seu entorno”, afirma Carlos Portomeñe.

Para o voceiro de ACE-EU, “non se entende o triunfalismo do PSOE a menos que non leran ben a sentenza, pois esta facilita o camiño á vía penal contra os cargos socialistas investigados no Caso Garañón”, e precisamente apuntou a que esta vía penal é a única forma de evitar que o Concello de Lugo teña que pagar con cartos públicos a xa inevitable demolición das torres.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com