A voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia, compareceu hoxe en rolda de prensa acompañada do deputado e secretario xeral do partido, Carlos Armesto, para facer unha valoración dos cambios que se veñen de producir na Deputación de Lugo, coa volta ao Goberno do deputado Manuel Martínez.
Elena Candia expuxo que “estamos probablemente asistindo a un capítulo máis dunha traxicomedia na que se converteu a institución nos últimos tempos e, aínda que non somos responsables, temos que sentir ata vergoña allea. A provincia, e así mo transmite a cidadanía, ten unha dúbida, qué cambiou agora desde a última vez que tiveron ocasión de chegar a acordo”, preguntouse a popular.
A popular explicou que “o intercambio nese pacto é o mesmo aparentemente pero algo tivo que cambiar para que despois dun ano agora supostamente poñan o quilómetro a cero, sirva tamén que precisamente non é a mellor frase que defina a situación, xa que cando falamos de km0 nesa institución non trae os mellores recordos”, engade.
Candia falou tamén dos presupostos, aínda sen aprobar, e dixo:“Hoxe sabemos que realmente os Presupostos non eran un problema de entendemento, transmitimos as nosas achegas priorizando os intereses da provincia e tamén tomou posición o BNG poñendo enriba da mesa as condicións. O presidente estaba de acordo, el mesmo o dixo, con ese modelo. Podíanse levar en decembro, pero vemos que a razón era o mercadeo político que se levaba con aleivosía e nocturnidade entre os despachos do presidente e do deputado Martínez”.
A voceira asegurou que a imaxe “nos provoca vergoña, se eles non o fan e aínda que non somos os responsables, pedimos desculpas á provincia e, o máis importante, seguiremos traballando polo que realmente importa, que aínda que os Orzamentos non foron en febreiro, esperemos que vaian en marzo e cumpra a palabra dada a este grupo e a todos os lucenses e se incorporen esas peticións do noso grupo, que segue sendo determinante nun goberno en minoría”.