O Partido Popular alerta da existencia “dun vertedoiro incontrolado” no punto limpo situado na estrada que vai de Navia de Suarna a Os Ancares. Os populares deste municipio critican que o Concello “non se preocupe” de facer unha recollida axeitada e limpeza do mesmo, convertendo así este servizo “nunha montaña de lixo e nun foco de contaminación”.
Segundo precisa o voceiro desta formación, Jesús Fernández, o único responsable desta situación que obecede “a un desentendemento claro das necesidades do municipio”, é o goberno local. Por este motivo, piden ao rexedor socialista que “dea as ordes pertinentes” para corrixir esta situación, xa que está provocando “unha imaxe desastrosa, a pesares de sermos Concello Reserva da Biosfera e zona de Rede Natura”, advirten.
Os populares vense así na obriga de criticar publicamente o que definen como “unha irresponsabilidade do alcalde”, pois a morea de lixo acumulada non é recente, senón que está así dende hai meses e, como é evidente, se non se recolle, cada vez vai a máis.
“Non entendemos como non se lles cae a cara de vegoña. Atopamos sofás rotos, electrodomésticos e sanitarios desfeitos e un conglomerado de plásticos agrícolas que, dende logo, este non é o lugar para depositalos. Calquera pode comprobar que tanto lixo non é duns días, polo que claramente o Concello está a mirar para outro lado”. Consideran que se trata dunha cuestión “o suficientemente importante” como para que o Goberno de Navia regule esta cuestión e emprenda os trámites necesarios, xa que, “moito nos tememos que ao sermos Reserva e Rede Natura, isto tería e debería que estar regulado doutro xeito”.