O candidato do Partido Popular á alcaldía de Lugo, Jaime Castiñeira, anuncia que se é elixido alcalde creará un rocódromo que poida dar servizo a uns 1.000 usuarios potenciais do Concello de Lugo.
Durante unha rolda de prensa na que compareceu acompañado de representantes dalgúns dos seis clubes de montaña da cidade (Verso Libre, Mustallar, Cumio, O Veral, Toxiños e Petís Rock), o candidato popular trasladoulles o seu compromiso de dotar á cidade dunhas “instalacións acordes a este deporte, garantindo como máxima prioridade a seguridade de quenes o practican”.
Tal como explicou Jaime Castiñeira, “esta infraestrutura podería ser empregada tanto polos deportistas federados, que na modalidade de montaña superan os 300 lucenses e na de espeleoloxía tamén outros 300; por forzas e corpos de seguridade como Protección Civil ou Bombeiros para os seus adestramentos”. “Falamos dun rocódromo en condicións mínimas, que dea servizo tanto ao que se inicia como ao que compite”, resumiu o popular.
O candidato popular detallou que “a nosa intención, e así llelo trasladamos aos clubes deportivos, é darlle usos ás instalacións hoxe infrautilizadas, como a vella estación potabilizadora”, practicamente sen uso dende 2010. “O primeiro é ver se podemos aproveitar o que xa temos, se se adapta ás necesidades mínimas para exercer este deporte, co obxectivo tanto de minimizar o impacto económico para as arcas municipais como de optimizar os recursos que xa temos”, subliñou Jaime Castiñeira.
Paralelamente ao rocódromo, os populares comprométense tamén á creación dunha Escola Municipal de Escalada, co obxectivo de fomentar “entre os máis novos” a práctica deste deporte, ao tempo que se favorece o contacto dos máis pequenos co entorno, establecendo un programa de cursiños e outras iniciativas que permitan o seu achegamento “a un deporte cuxo número de usuarios medra ano tras ano, segundo o número de licenzas”.
“Neste momento, segundo me trasladaron os representantes destes clubs deportivos, as instalacións do Palomar non son as máis axeitadas posto que presentan deficiencias de limpeza, de humidades e de instalacións en xeral que incluso están desincentivando o interese dos máis pequenos polas condicións deste recinto”, aseverou Jaime Castiñeira, ao tempo que advertiu de que “houbo casos de lucenses premiados e recoñecidos no sector, como Luís Penín ou Elena Parga, que tiveron que marchar fóra de Lugo pola falta dunhas instalacións mínimas”.
Jaime Castiñeira explicou durante a súa comparecencia que a instalación dun rocódromo forma parte do seu proxecto de cidade que inclúe converter aos ríos Miño, Rato e Mera nun recurso turístico-deportivo. Nesa liña, anunciou que destinará a bases de piraguas, bicicleta todo terreo (BTT), rocódromo ou orientación “instalacións hoxe sen uso como son a fábrica da luz e as antigas depuradora e potabilizadora”.
“O obxectivo é conseguir unha actividade permanente en torno ao río, cun dobrepúblico: en primeiro lugar, os lucenses para recuperar para eles o que é deles; e en segundo lugar, os turistas para converter os ríos noutro activo máis, xunto á gastronomía, á historia-cultura e ao deporte”, concluíu.