Continúan revoltas as augas no Concello de Lugo en canto a postos de traballo se refire. E é que o Partido Popular amosaba na tarde de onte a súa preocupación polo que tildaron de “desbandada” de cargos no Goberno local de Lara Méndez. Segundo explicaba a edil popular Macamen López Silva, o xefe de servizos sociais dimitía onte por presuntas diferenzas coa edil responsable da área, Olga López Racamonde.
A popular lembraba que este empregado municipal levaba no cargo dende outubro de 2020; e indicou que nesta mesma área de Servizos Sociais producíronse xa outras moitas baixas, as máis chamativas, a da titular da xefatura de servizo, de sección e a da adxunta á xefatura, todas elas durante a pandemia.
Pola súa banda, dende o executivo local aclaran que este empregado non presentou ningunha dimisión e que o posto estaba ocupado en Comisión de Servizo, por unha duración de seis meses que conclúen o vindeiro 15 de abril. Dende o Goberno local avanzan que a administración volverá a convocar de xeito inmediato unha nova comisión de servizos para proceder á cobertura do posto.