O Grupo Provincial do PP na Deputación de Lugo censura que o centro de recría Gayoso Castro acumule demoras na súa xestión e posta en marcha por parte do organismo provincial. Segundo os populares, o proxecto é un dos mellores exemplos do fracaso do Goberno de Besteiro que, lonxe de encanarse, acumula retrasos, está cheo de deficiencias e mantén obras sen rematar.
No mes de xaneiro o Goberno Provincial creou unha comisión técnica para retrasar a súa posta en funcionamento e agora, “tras telo inaugurado en 2015, aínda din que faltan melloras por facer por importe de 300.000 euros, critica o PP. O centro de recría só lles ten valido para saír nas fotos mentres destinaban millóns e millóns de euros sen que se avanzara na súa posta en funcionamento”, engade a voceira do Grupo Provincial do PP, Elena Candia.
Deficiencias pendentes de corrixir
O PP denunciou durante o seu goberno as deficiencias que presenta o proxecto e quere saber “se estas foron xa corrixidas, agora que anuncian novos investimentos. En concreto, as obras non garanten o benestar animal e presentan problemas de bioseguridade. Un dos principais inconvenientes é o da xestión dos xurros, xa que non hai base territorial suficiente para depurar os residuos das 3.000 cabezas de gando. Só habería capacidade para o 20%. “A capacidade da balsa para recoller os xurros non é suficiente para cando teña o centro a pleno rendemento”. Sería necesaria unha superficie maior ou un sistema de depuración, para poder verter estes residuos”, explica Candia.
Os populares tamén inciden en que “advertiron no seu día da carencia dunha nave de corentena para os animais que entran no centro, non está previsto nin construído o peirao de entrada , non se garante a seguridade sanitaria dos animais que están no centro cando entran os novos nin hai protocolo de entrada ou mesmo a inexistencia do sistema de dar de mamar na sala prevista para ese fin, así como, as deficiencias no peche perimetral, ao non estaren illados os animais e, polo tanto, tampouco se solicitou un informe de avaliación de protocolo sanitario”.
Ata o de agora, desde que iniciou este proxecto, din os populares, “os socialistas só se preocuparon de gastar máis de 10 millóns de euros de orzamento na Granxa Gayoso Castro para facerlle competencia os gandeiros, rematar co programa de mellora xenética de embrións e converter uns terreos que producían alimento en terreos completamente abandonados que obrigan a que con 280 hectáreas se estea comprando todo o alimento das vacas da unidade de leite”
Abstención do PP no pleno de abril
Os populares aclaran que se abstiveron na iniciativa económica para a explotación e funcionamento do Centro de Recría da Granxa Gayoso Castro “ao non aceptarse que quedara enriba da mesa este asunto con fin de chegar a un consenso entre todas as forza políticas ao entender que este Centro é moi necesario para o sector agrogandeiro e que o seu plantexamento non era o axeitado”.
Os representantes do PP defenderon tamén a xestión indirecta do centro, pero trasladaron as súas dúbidas sobre de como debería ser a concesión.