O Grupo Municipal Popular de Cervantes condena que o goberno local de Cervantes asuma o papel de “encargado de mantemento, máis que o de promotor de iniciativas tractoras para revitalizar o noso concello”. O portavoz, Javier Santín, explicou trala celebración do pleno municipal deste mércores que “non podemos apoiar uns orzamentos para o 2022 que son continuistas e acomodados, igual que o vimos denunciando nos últimos anos”.
Os populares, que xa lamentaran que as contas para este exercicio non foran presentadas antes do inicio deste ano, demandan “un maior esforzo do Concello de cara ao desenvolvemento de proxectos revulsivos para mellorar Cervantes”.
Santín explica, nese sentido, que “o goberno local se limita a botar algo de formigón, pero botamos en falta iniciativas políticas dirixidas a fortalecer o noso tecido produtivo básico, como é o sector agrogandeiro, a través de distintas actividades de promoción da diversificación das actividades ou da implantación doutras actividades de aproveitamento dos nosos recursos naturais”. Igualmente, “dende o Grupo Municipal Popular defendemos políticas de apoio aos emprendedores que favorezan a implantación de novos negocios en Cervantes”.
O popular sempre defendeu que “Cervantes debe ser un referente para o turismo pola súa riqueza paisaxística e todos os seus bens”. Nese sentido, lamenta que “este goberno local non se esforce na promoción turística do noso concello que permitiría potenciar o sector hostaleiro. Botamos en falta iniciativas concretas, por exemplo, na Feira Internacional de Turismo en Madrid (FITUR)”. Así mesmo, Santín condena “a deficiente sinalización municipal das nosas vilas e recursos”.