O voceiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, afirmou que na mesa local de comercio celebrada esta mañá no Concello de Lugo se confirmou a información facilitada onte polo Grupo Popular, na que se aseguraba que “os socialistas mentían en todo o relacionado co aluguer dos locais da Tinería”.
Antonio Ameijide afirmou que os técnicos municipais confirmaron que a cesión dos locais é por “un prazo máximo de catro anos” e que “non existe posibilidade de prórroga”. O voceiro popular asegurou que durante a mesa local de comercio a concelleira de Economía, Ana Prieto, recoñeceu que a mellor opción para os emprendedores será negociar, a futuro, directamente coa Xunta de Galicia a compra do local polo que, segundo os populares, se demostra que a decisión da rexedora de alugar os locais á Xunta foi “unha rabieta” porque “foron os propios socialistas os que bloquearon a venda destes locais da Tinería hai un ano”.
Nesta xuntanza da mesa local de comercio estiveron presentes varias asociacións empresariais (CEL, Federación de Comercio Lugo, Lugo Centrum, Asociación de Autónomas e Itineris) que constataron “a imposibilidade” de amortizar en catro anos unha inversión como a que se ten que realizar nos baixos da Tinería. De feito, unha das participantes na xuntanza, e que rexenta un negocio na Tinería, confirmou que tivo que agardar dous anos e medio para obter os permisos necesarios para poñer en marcha o seu negocio e que, actualmente, leva catro meses esperando pola concesión da licenza necesaria para acometer unhas obras de reforma no seu negocio.
Un extremo que contrasta cunha das cláusulas que o Concello de Lugo quere facer asinar os concesionarios dos baixos da Tinería, aos que quere obrigar a poñer en marcha o seu negocio nun prazo máximo de dous meses dende a entrega das chaves do local. Neste senso, dende o Concello aseguraron esta mañá que “non poden asegurar que se concedan as licenzas nun prazo de tempo que permita cumprir con esta cláusula” polo que dende o Grupo Popular piden ao goberno local que se “replantexen a estratexia para o barrio da Tinería e, sobre todo, que corrixan a información da web municipal e que deixen de mentir publicamente”.
Antonio Ameijide explicou que os técnicos municipais tamén confirmaron que, a día de hoxe, o Concello de Lugo non recibiu ningunha solicitude para a cesión dos locais da Tinería. “Dende que o pasado 14 xuño se publicou no BOP a apertura do prazo de solicitude dos locais, o Concello non recibiu ningunha petición, o que demostra que as condicións impostas polos socialistas non son atractivas para ninguén”, afirmou o voceiro popular.
Cidadáns pide que “non se engane”