O voceiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Jaime Castiñeira, afirmou esta mañá en rolda de prensa que o orzamento que vén de aprobar o goberno local en xunta de goberno extraordinaria é “opaco, insuficiente e incompleto”.
Castiñeira ve “positivo pero pouco ambicioso” o novo plan de emprego, para o que prevén 1,2 millóns de euros. “Toda iniciativa nesta materia é sempre benvida e contará co noso respaldo”, indicou o popular, se ben sinalou que “o noso compromiso, que seguimos mantendo, era destinar seis millóns de euros en tres liñas complementarias para a creación e o mantemento de postos de traballo”.
Por outra banda, o voceiro popular indicou que “á vista das primeiras indicacións que recibimos esta mañá no Consello Económico e Social e á espera de que nos remitan a documentación completa, vemos que se incorporaron algunhas das vellas reivindicacións que levamos tempo defendendo dende o Partido Popular”. Entre elas, citou o incremento nas partidas de axudas ao aluguer e de emerxencia social, a creación dunha praia fluvial ou a actuación integral en Duquesa de Lugo, co desdobramento, a iluminación e o carril-bici. “Como non podía ser doutra maneira, estudaremos todo o orzamento en canto o teñamos, pero as primeiras liñas reflicten que o goberno municipal atendeu parte das nosas propotas e, ante a súa falta de ideas, déixanse guiar polo Partido Popular”, subliñou Castiñeira.
Durante a súa comparecencia, o popular tamén desmentiu que se tivera producido unha ruptura do diálogo co goberno, xa que “non se pode romper o que non había”. Nese senso, retou á alcaldesa a dicir “un só momento no que o PP non participara nunha ronda de traballo” e criticou a “opacidade, o escurantismo e a falta de transparencia” coa que se tramitaron “para impedir que a oposición non teña dereito á información”. “Agora, ás 12 seguimos sen ter o plan de investimentos e toda a documentación”, salientou, ao tempo que incidiu en que “van na boa liña, pero tamén é certo que nos gustaría ter participado máis na elaboración do proxecto”. “Din que son uns orzamentos participativos pero aos primeiros aos que lles impiden participar é aos representantes políticos da maioría dos lucenses”, manifestou Jaime Castiñeira.