O concelleiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia o trato que o goberno “segue a dar aos veciños da Croa”, xa que todo apunta a que este barrio da cidade quedará fóra do plan de reasfaltado que se vai aplicar na cidade.
Antonio Ameijide anuncia que dende o Grupo Municipal Popular se presentarán preguntas en comisión para coñecer se a Croa quedará sen reasfaltar, xa que despois de realizar unha visita a esta zona, alertados polos veciños, comprobamos como as rúas deste barrio estaban fóra do premarcado inicial que se realiza antes do asfaltado. De acordo con estas marcas iniciais, as rúas Camiño da Garza, Magarza e unha parte da rúa Romeu, as tres vías con máis densidade de circulación da Croa, “non se van a reasfaltar”.
De confirmarse, o concelleiro popular explica que se trata “dunha nova bofetada” do goberno aos veciños da Croa, que levan máis de 20 anos agardando a que o Concello de Lugo lles outorgue as escrituras de propiedade das vivendas. “Os veciños da Croa están fartos das promesas dos socialistas, e iso que antes das eleccións de maio Lara Méndez se comprometera a entregarlles un símil da escritura de propiedade das vivendas, pero como xa pasaron as eleccións e segue na alcaldía xa se olvidou de todo o prometido”, sinalou.
Ademais, dende o Grupo Municipal Popular se presentará un rogo en comisión para que o goberno “poña máis énfase” en mellorar a limpeza e o aseo urbano da Croa, xa que se trata dun eido “moi mellorable” por parte do goberno e que están a reclamar os veciños.