O Grupo Municipal do Partido Popular vén de informar de que o 77% das queixas presentadas polos lucenses na Comisión de Suxerencias do mes de maio son sobre o cobro excesivo na factura da auga. Para o vicevoceiro da agrupación, Antonio Ameijide, esta situación supón un desprezo, dixo, aos lucenses mes tras mes. So en maio, das 35 queixas rexistradas para esta comisión, 27 son sobre a auga. No pasado mes de abril foron 49 veciños os que pediron que se lles devolvese o cobrado de máis.
O popular recrimina que “tanto o PSOE como o BNG non reaccionasen ante semellante atraco” destacando un dato moi revelador da situación na que están os afectados por este asunto xa que “o 91% das peticións que se fixeron sobre esta problemática de facturas de auga
sobredimensionadas están fóra de prazo” segundo recoñece o propio informe da Comisión.
O Partido Popular leva meses advertindo de que se ía a producir unha avalancha de reclamacións “xa que o desmantelamento do servizo por parte do PSOE provocou unha saturación do persoal incapaz de abarcar o traballo e a lectura correcta dos contadores”. Ameijide lamenta o mal funcionamento da Comisión de Suxerencias “presumen de dar participación pero son incapaces de achegar solucións e usan a Comisión para cubrir expediente delegando a responsabilidade nos funcionarios”. Para os populares “é máis necesario que nunca mellorar a dinámica deste órgano e o primeiro que teñen que facer é responder os veciños que presentan as súas queixas no prazo legal de tres meses”.
“Dende o PP seguímonos brindando para facilitarlles aos afectados un modelo de reclamación para que rexistren no Concello a súa petición de que se lles devolva o que lle facturaron de forma errónea”. Os populares tamén lembran que a única causa deste barullo obedece á falta de lectura dos contadores como consecuencia do desmantelamento do servizo de augas tal e como recoñeceu na última comisión a responsable do servizo. Ameijide explica que “hai unha solución a este problema que pasa por repartir a lectura de forma proporcional entre os trimestres sen lectura e aplicando deste xeito o prezo correspondente do m3 de auga”.