O PP critica os problemas que as obras de Fontiñas ocasionan á veciñanza

O concelleiro do Grupo Municipal do Partido Popular no Concello de Lugo, Ángel Trabada, fixo público o malestar existente entre os veciños e comerciantes da Ronda das Fontiñas, por mor das obras de instalación do ascensor que unirá esta vía con Ramón Montenegro.

Ángel Trabada explicou que a ocupación da vía para o espazo destinado ás obras está a causar un dano económico aos comerciantes afectados, xa que denuncian sentirse “illados” polas obras, o que repercutiu nun descenso das súas vendas. Neste senso, o popular entende que cando se realizan obras se cause algún tipo de molestia, pero tamén explica que “hai que estudar todas as opcións posibles para minimizar, na medida do posible, as molestias”.

Ademais, o concelleiro popular denuncia que se están a incumprir varios puntos marcados no proxecto, como o corte ao tráfico de rúas que non se proxectaban pechar. Trabada refírese ao corte da rúa Primavera entre a rúa Peña Anda e a escalinata na que se están a facer os traballos, algo que se descartou no proxecto e que agora teñen que sufrir os veciños, que ven como teñen que dar rodeos “innecesarios” para poder chegar as súas vivendas. Por iso, o popular pide que se permita o acceso, polo menos aos veciños desta zona, xa que segundo o proxecto “é algo viable”.

Os veciños do barrio,segundo o popular, tamén amosaron o seu malestar pola eliminación dos 126 peldaños de cantería que había na escalinata que unía a Ronda das Fontiñas con Ramón Montenegro, que se substituirán por outros de formigón, un material de “menor calidade e que empeora o entorno esteticamente” ao comparalo co material de cantería. Ángel Trabada engade que están a piques de cumprirse os catro meses de execución dos traballos e “moito tememos que non se cumprirán os prazos” polo que se aumentarán no tempo as molestias aos veciños. O proxecto conta cun orzamento de 255.398€ e un prazo de execución de catro meses, que se cumprirán o vindeiro día 17 de xaneiro, e á vista do estado das obras “moito nos tememos que se prolongarán no tempo”.

Pese a todo, o concelleiro popular recorda que “falamos dunha gran inversión para o barrio” xa que é unha infraestrutura “moi necesaria”, e por iso desde o Partido Popular “levamos moitos anos pedindo esta dotación” para a zona, unha proposta que se incluíu nos programas electorais dos anos 2011 e 2015, ademais de varias proposicións plenarias.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com