“As tensións no desgoberno municipal son cada día máis evidentes e unha nova mostra foi a ausencia do Tenente de alcalde na presentación dos orzamentos que fixo a rexedora esta mañá aos grupos da corporación, administracións públicas ou entidades do tecido social e económico, o que evidencia que a distancia entre a alcaldesa e o tenente de alcalde é cada vez maior, mentres a rexedora e o tenente de alcaldesa optaron por escenificar unha unión ficticia ao acudir xuntos á presentación ante os medios de comunicación”, así o denunciou esta mañá o grupo municipal popular que criticaba as formas dos dous mandatarios ao tempo que aproveitaban para evidenciar que “seguramente que as tensións do goberno máis caro da historia de Lugo se suavizarán no momento de levantar a man para aprobar as contas municipais para o vindeiro ano”.
Unha ausencia que non fixo máis que “dar a razón á denuncia que a semana pasada realizou o Partido Popular”, cando os populares aseguraron que as tensións entre PSOE e BNG atrasaban a confección dos orzamentos municipais para 2022 polas liortas entre Méndez e Arroxo á hora de distribuír os fondos do 60 – 40% no que quedaron no pacto de desgoberno municipal.
No referente ás contas, o vicevoceiro popular, Antonio Ameijide, acusa ao Goberno local de padecer un “escurantismo crónico” xa que unicamente fixeron unha presentación de 15 minutos na que non aportaron “nin un só papel, dilatando ao máximo a entrega da documentación”. Os populares acusan á rexedora de “seguir vendendo fume” a través “duns números pouco fiables e que non van ser capaces de executar”.
Neste senso, os populares critican que a rexedora de novo opte por endebedar a todos os lucenses ao pedir de novo un crédito de 5.7 millóns de euros. Ameijide tamén fai referencia á que o Goberno presentou os orzamentos sen sentarse a falar co PP, grupo maioritario da corporación e que a semana pasada rexistrou unha batería de 76 propostas, baixo o paraugas de #CosPésEnLugo, xa que reflicten demandas de diferentes colectivos da cidade.
Dec 11, 2021 - 12:07 AM
Non sería problema entregarvos o documento. Pero o devolveriais? Que se vos coñece, amigos.