O PP critica que Arroxo siga sen solicitar formalmente a cesión de San Eufrasio

O concelleiro do Partido Popular no Concello de Lugo, Antonio Ameijide, denuncia a posición tomada polo vicealcalde de Lugo, Rubén Arroxo, que “hai uns días asegurou que tiñan solicitada a cesión de San Eufrasio á Xunta” e, segundo argumenta o popular non pode ser verdade, pois este tipo de solicitudes teñen que pasar polo Pleno ou a Xunta de Goberno “e non o fixeron así”.

Antonio Ameijide sinala que dende o 20 de decembro Rubén Arroxo ten sobre a súa mesa unha comunicación de Francisco Menéndez, director da Axencia Galega de Infraestruturas, na que lle indica cales son os pasos que ten que dar para que o Concello solicite a cesión da parte necesaria da vía para poder facer a rotonda de San Eufrasio.

Neste senso, o concelleiro popular indica a Rubén Arroxo que xa hai un acordo plenario, de decembro de 2013, tomado a raíz dunha iniciativa do Grupo Municipal Popular, para mellorar a seguridade viaria no entorno de San Eufrasio e Fontiñas, acordo a raíz do que o Concello de Lugo podería solicitar á Xunta de Galicia a cesión dos terreos para a construción da devandita rotonda.

Incluso o vicevoceiro popular recorda que foi a Xunta de Galicia a que hai poucos meses renovou a rúa San Eufrasio, unha obra “necesaria” para a cidade. “Actuación coa que ademais de corrixir as deficiencias existentes, se realizaron melloras en seguridade viaria, sobre todo nos pasos de peóns, a raíz dunha petición realizada polo Grupo Municipal Popular despois de realizar varias xuntanzas cos veciños da zona”, asegura.

Ante esta situación, Ameijide lamenta “a actitude que comeza a amosar Rubén Arroxo, unha imaxe propia de Lara Méndez, que opta por buscar escusas e culpar a outras administracións en lugar de admitir a falta de traballo propio”.

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com