A concelleira popular Mari Teijeiro acusou ao goberno socialista de faltar á verdade na polémica sobre a situación na que está o Fogar do Transeúnte e que leva funcionando, dende hai sete anos, sen autorización de inicio de actividade tal e como desvelou o Grupo Popular o pasado 18 de maio.
A edil do PP explicou que “é falso que o Concello aportase a documentación que se lle requeriu o pasado 20 de abril polo Servizo de Inspección da Xunta para subsanar esta deficiencia” asegurando que a día de hoxe “non tivo entrada en inspección de centros ningunha contestación ao respecto”.
Mari Teijeiro puxo de manifesto que a situación na que está o Fogar do Transeúnte é un exemplo máis do abandono e da falta de xestión que caracteriza aos socialistas “sete anos para poñer en regra e aportar a documentación necesaria para cumprir a normativa é un prazo excesivo” e por riba, reflexionou a popular “en vez de recoñecer o seu erro sacan peito e minten públicamente dicindo que xa achegaron a documentación que se lles requeriu dende a administración autonómica”.
A edil popular insistiu en que “é unha irresponsabilidade e un atrevemento que unha administración pase por alto un trámite como este e ,sobre todo, tendo en conta que si se rexistra algún incidente ou accidente o seguro de responsabilidade civil do Concello non daría cobertura aos danos”.