Antonio Ameijide Antonio Ameijide

O PP critica que non se teña avanzado “absolutamente nada” na ORA

O vicevoceiro do Grupo Municipal do Partido Popular, Antonio Ameijide, criticou esta mañá en rolda de prensa que non se teña avanzado “absolutamente nada” na municipalización da zona ORA.

O edil popular declarou,“a absoluta falta de vontade política e o total desinterese do goberno local reflíctese en que só se convocaron dúas reunións para abordar a municipalización da ORA, a primeira delas simplemente para a súa constitución”.

Pasan os días, as semanas e os meses pero dende o día 4 de xaneiro non nos volvemos xuntar os voceiros dos diferentes grupos políticos cos técnicos municipais para avanzar nun novo modelo de aparcamento para Lugo. A proposta do Partido Popular, que coincide no esencial cos modelos que defenden Lugonovo, BNG, Ciudadanos e ACE, consiste no establecemento de zonas puntuais de control horario limitado que poden coincidir ou non coas actuais pero supervisadas dende o Concello e con persoal municipal, sen que ningunha empresa privada se lucre

Así mesmo, Ameijide destacou que “como xa advertimos no Partido Popular dende o minuto un da suspensión unilateral do servizo decretado por unha alcaldesa desesperarada por gañar unha foto, os oito meses que deu para regularizar a situación do estacionamento era absolutamente imposible de cumprir”,

Guindastre

Por último, o vicevoceiro popular tamén se referiu á municipalización doutro servizo, o do guindastre municipal “e que tamén está paralizado pola nula vontade política da alcaldesa, que prefería prorrogar o contrato a unha das empresas que están no centro da Pokemon e, como llo impediron os técnicos municipais, decidiu unilateralmente que esta firma privada continúe traballando sen ningún tipo de relación en vigor co Concello pero cobrando igualmente del”. “Seremos inflexibles no prazo que lle demos á socialista e, se mañá non nos convoca a unha primeira reunión para traballar na municipalización, esixiremos avances nesta situación no vindeiro pleno”, concluíu.

Resposta do Goberno Municipal

“Por moitas veces que repita unha mentira, o PP non fará que se converta en realidade”. Así respondeu o voceiro municipal, Miguel Fernández, ás declaracións dos populares sobre a implantación dun novo sistema ORA na cidade. O Concelleiro subliñou que o PP “parte dunha falacia” á hora de fixar os prazos, pois as circunstancias cambiaron dende que o Goberno, en xullo do pasado ano, suspendeu o servizo, en cumprimento dunha sentenza xudicial, e marcou 8 meses para restablecelo. “Este prazo fixouse antes de que o Partido Popular boicotease todo intento do Executivo de modernizar o servizo e de que en outubro se aprobase en Pleno a creación dunha comisión para estudar a municipalización”.

O prazo de 8 meses marcouse coa premisa de facer unha nova ordenanza e unha nova adxudicación. O escenario a día de hoxe é outro, coa posta en marcha da comisión de municipalización, aprobada polo Pleno. Polo tanto, o PP debe deixar de tratar de enganar á cidadanía”, argumentou Fernández, quen, de feito, lembrou que o Goberno, dado que o proceso de municipalización é longo e complexo, propuxo que se restablecese mentres tanto o servizo co modelo de xestión indirecta para garantir a necesaria rotación e mobilidade do tráfico dunha maneira eficaz e adaptada á realidade da cidade, dando ao mesmo tempo cobertura legal aos traballadores, mentres non se lle deran outras alternativas. A oposición rexeitou esta alternativa do Goberno.

A día de hoxe, tras a reunión da comisión de municipalización de xaneiro, os técnicos de distintas áreas (económica, urbanística, enxeñería…) están a elaborar o preceptivos informes e estudos sobre a viabilidade das propostas que foron expostas na devandita xuntanza, traballos que teñen que compatibilizar coa súa labor ordinaria.Subliñou.

O Goberno segue a traballar para que no prazo máis curto posible, Lugo dispoña dun sistema áxil e moderno que permita a necesaria rotación e mobilidade do tráfico

Novas relacionadas

Deixar unha resposta

A súa dirección de email non será publicada. Os campos requeridos están marcados *

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.


Diario de información xeral sobre Lugo e a súa provincia
San Salvador de Muxa 124 27192, Lugo

WP Twitter Auto Publish Powered By : XYZScripts.com